Todo o sistema solar metido nun corredor
Por Redacción
Máis de oitenta estudantes do segundo curso do Grao en Educación Primaria responsabilizáronse este venres de converter corredor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nun espazo de decoración espacial no que, ao longo de toda a mañá, preto de 200 alumnos procedentes de dous centros de Primaria puideron aprender dun xeito divertido as principais características dos diferentes planetas do sistema solar, nunha actividade encadrada dentro da Feira do Ensino da Ciencia, organizada pola Área de Didáctica das Ciencias Experimentais.
"Demostrar que a ciencia é divertida" é un dos obxectivos centrais desta iniciativa, que se estendeu ao longo de toda a xornada, como explicou a profesora María Álvarez Lires, unha das coordinadoras dunha feira que permite tamén comprobar que "con poucos medios pódense facer moitas cousas". Porque foi o "moito esforzo" e a imaxinación do alumnado deste centro a que fixo posible que nesta facultade se instalasen un total de 21 postos especialmente deseñados para amosar diferentes aspectos do universo aos máis novos.