O Concello de Poio asegura que nos últimos dous anos asumiu máis do 70% do custo dos servizos sociais
Por Redacción
O Concello de Poio asegura que nos últimos dous anos asumiu máis do 70% do custo do Centro de Información a Muller, da Oficina de Información Xuvenil e servizos sociais básicos como Axuda no Fogar, a Teleasistencia, os programas de Xantar na Casa, Emerxencia Social, Cooperación, etc; "chegando a financiar nalgúns dos casos o 100% do custo do servizo, para que o custe non teñan que asumilo os beneficiarios, os veciños que están en situacións máis desfavorables", sinalan desde o grupo de goberno nun comunicado.
"Mentras a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado se adican a aplicar políticas de austeridade e recortes en sectores tan importante como a Sanidade, a Educación e os Servizos Sociais, piares básicos do Estado de Benestar, o Concello de Poio aposta polo mantemento destes servizos e aporta máis do 70% do custo total dos mesmos, o que permite manter operativos", engade o escrito.
O goberno local de Poio (BNG-PSOE) cre que a Reforma da Administración Local, vai supoñer un "grave perxuízo" para a veciñanza, xa que se verán na obriga de desprazarse a outros municipios ou cidades para tramitar e recibir prestacións básicas fundamentais, "por riba privatizadas, tal e como está a suceder co servizo de Teleasistencia, onde a Deputación Provincial contrata a empresas privadas para a xestión, cun custo do 20 euros mensuais aos usuarios".
Denuncian que "algo semellante" pretende implantar, noutros dos servizos básicos para os maiores e dependentes como é o Servizo de Axuda no Fogar, "establecendo un prezo medio do mesmo sen ter en conta criterios como a dispersión xeográfica, o que incrementará o seu custo, repercutíndollo os veciños de Poio".
"Asemade, con esta reforma, os concellos como o noso, de menos de 20.000 habitantes, non terán capacidade para impulsar outros programas e actividades como, por exemplo, o Programa de Emerxencia Social Municipal, destinado a cubrir aquelas necesidades básicas que non se poden atender a través doutras prestacións económicas autonómicas e/ou estatais ou o Programa 'saúdemente' destinados a mellorar o benestar físico e mental dos nosos maiores", remata este comunicado.