Marga Caldas, ante o reto de "coller o legado de Nito e abrir un proxecto de futuro para Poio"
Luciano Sobral, tras 27 anos como alcalde de Poio, dá un paso atrás. Non se presentará á reelección nas municipais de 2023. "É o mellor momento para o relevo", sinalou. A súa sucesora á fronte da candidatura do BNG ten nome e apelidos, os de Marga Caldas.
"Para min é un momento de emoción que non sei nin como expresar", sinalou Sobral, que asegurou que "é un orgullo" que sexa Marga Caldas quen a substitúa porque "é unha persoa preparada e comprometida". Ela será, sostivo, "a primeira alcaldesa de Poio".
Tras trece anos de traballo no goberno municipal, Caldas dará un paso á fronte que, segundo ela mesma explicou, "é toda unha responsabilidade". Estar á altura de quen "asinou as páxinas máis brillantes dá historia de Poio", afirmou, non será unha tarefa fácil.
A edil avanzou que a súa intención é "abrir un tempo novo" no municipio, para o que partirá de "coller o legado de Nito e impulsar un proxecto de futuro para Poio", sen deixar de lado "todo o bo" que se fixo estes anos e que, ao seu xuízo, "avala" a todo o BNG.
O deporte, área que Marga Caldas dirixe desde que chegou ao goberno, será eixo "fundamental" do seu proxecto político, xunto co impulso a infraestruturas "estratéxicas" para Poio ou a mellora dos espazos públicos "desde San Salvador ata Raxó".
Que o seu programa electoral "parta da xente" será un dos seus obxectivos máis inmediatos. Para iso iniciará unha rolda de contactos cos colectivos do municipio, empezando polos mozos. "É importante escoitar a todos desde un xeito activo", afirmou a dirixente.
Para poder dedicarse "por completo" a este proceso, o grupo municipal do BNG abordará unha reestruturación nas súas competencias para que Caldas poida "falar con toda a veciñanza". Iso si, Luciano Sobral seguirá como alcalde ata o final do mandato.
"Iso é o único que pedín porque quería respectar o compromiso que adquirín cos veciños de Poio", sinalou o veterano rexedor que, a modo de consello, recoméndalle á súa sucesora "que teña proximidade coa xente e vaia de fronte ante os problemas".
"DESDE XA PODO DESCANSAR E DURMIR BEN"
Preguntado sobre a que se dedicará a partir de maio, cando abandone a alcaldía, Sobral chanceou con que "desde xa podo descansar e durmir ben", sabendo que pode estar "tranquilo" de que tanto Poio como o BNG "vai a quedar en boas mans".
Asegura que espera cumprir unha "gran ilusión" que ten na vida, a de alugar unha caravana e viaxar coa súa muller durante meses "polo mundo adiante", aínda que o máis inmediato será "non ter que levantarme todos os días ás sete da mañá".
Dedicarlle máis tempo á familia, quedar con amigos ou coidar da súa casa e da súa horta, outra das súas paixóns, serán outros dos modos nos que aproveitará a súa xubilación. Iso, e seguir dispoñible "día e noite" para axudar aos seus compañeiros "en todo o que precisen".
Relacionadas:
-
Emotivo acto de despedida do BNG a Luciano Sobral, despois de case tres décadas como alcalde de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Poio presenta á súa candidata Marga Caldas cun xantar aberto á veciñanza
Por Redacción |
-
Tamara González recollerá a acta de concelleira en substitución de Sergio Pereira no PP de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
PSOE e Avante Poio, unidos nun proxecto "conxunto e integrador" para as municipais
Por Alejandro Espiño |
-
Marga Caldas amplía as súas competencias no goberno local de Poio
Por Redacción |
-
RADIO.- Nito, Catalina e Luís conversan sobre a vida despois de anos nunha alcaldía
Por Redacción |
-
Gregorio Agís, presentado como candidato do PSOE en Poio: "Queremos a alcaldía"
Por Diego Espiño |