As luces do Nadal xa brillan nas rúas pontevedresas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Pontevedra vaise internando na celebración das festas do Nadal deste ano. Na tarde deste xoves 5 de decembro inaugurábase a iluminación de Nadal cun acto de arranque na Praza da Ferrería ao que asistiron case un centenar de persoas e no que estiveron presentes o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira Anxos Riveiro e o presidente de Aempe, José María Corujo, ademais de representantes do Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Anxos Riveiro indicou que estes e outros colectivos como as asociacións de Loureiro Crespo ou Rosalía de Castro axudan a que o movemento comercial se manteña activo e axuda a fomentar as compras durante as festas.
A iluminación do Nadal que conta con lámpadas de baixo consumo manterase acendida entre as 18.00 e a 1.00 da noite ata a festividade de Reis, o 6 de xaneiro.
Neste acto xa tradicional de arranque do Nadal, tamén participou o Coro dos ex alumnos dos Institutos dirixido por Enrique Lareo que recibiu as felicitacións do alcalde. Lareo Martín sinalou que o repertorió se realizou con temas en lingua galega para festexar este evento coa interpretación inicial do tema O bo Don Wenceslao, unha obra musical do século XIII, con letra inglesa traducida ao galego por Filgueira Valverde. Este coro continúa con esta actuación a súa habitual tradición orixinal de cantar nas festas do Nadal e en Semana Santa.