Caldas destina medio millón de euros a mellorar o saneamento na parroquia de Santa María
Por Redacción
Caldas de Reis inicia obras na rede de saneamento municipal nos lugares de Tivo, Pazo e Somonte, todos eles na parroquia de Santa María. As canalizacións serán conectadas á EDAR municipal das Corticeiras, na outra beira do río Umia, cun investimento total de 518.242 euros.
Trátase de dous proxectos municipais que se desenvolven en paralelo, financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O primeiro conecta as augas residuais de Tivo, Barreiros e Os Castaños coa Avenida Dona Urraca e a depuradora municipal e conta cun orzamento de 336.431 euros a executar en cinco meses.
O segundo proxecto amplía a rede de saneamento e pluviais entre Tivo, Pazo e Somonte ata a travesía Dona Urraca, polo Camiño Portugués, renovando tamén o pavimento e a rede de abastecemento. Dispón dun orzamento de 200.900 euros e un prazo de execución de dous meses.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, subliña que “o Plan Municipal de Saneamento de Augas Residuais avanza notablemente cada ano, co apoio da Deputación de Pontevedra, e xa son case 2 millóns de euros o valor das obras executadas ou en execución neste momento. Aspiramos a chegar aos 3 millóns coas obras programadas para o ano próximo en Reguengo, Paradela, Camiño Real e outras que xa teñen os proxectos de obras redactados, polo que será o mandato co maior esforzo inversor en materia de saneamentos e medio ambiente”.
O alcalde Juan Manuel Rey sinala que “con todas estas obras melloramos os servizos á cidadanía e ofrecemos unhas infraestructuras de calidade en materia de augas, saneamento, accesibilidade e medio ambiente, que consideramos prioritarias para a calidade de vida no rural que é a nosa prioridade”.