Un xulgado pontevedrés rexeita que os enxeñeiros de camiños fagan informes preceptivos de licenzas para inmobles residenciais
Por Redacción
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra emitiu unha sentenza na que rexeita que os enxeñeiros de camiños realicen o informe preceptivo das licenzas de obras de edificacións para usos residenciais.
Segundo expón o maxistrado, estes profesionais non poden informar sobre licenzas para usos residenciais e, desta forma, refusa o recurso que interpuxera o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia contra o Concello de Valga que en maio de 2021 aprobara o prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas na licitación do contrato de servizos para asesoramento urbanístico municipal.
A sentenza recolle que "non cabe dúbida de que o título de licenciado/graduado en enxeñería de camiños, canles e portos habilita profesionalmente para elaborar plans urbanísticos e instrumentos de ordenación do territorio, tamén para a de instrumentos de xestión urbanística, tratándose, desde logo, da profesión técnica máis idónea respecto dos proxectos de urbanización", con todo engade que ese título "non permite redactar proxectos de edificacións vencelladas a usos residenciais e administrativos, entre outros”.
O xuíz tamén lembra que non poden elaborar "informes sobre o cumprimento das condicións de habitabilidade e seguridade esixibles nestas edificacións", baseándose na última xurisprudencia do Tribunal Supremo. Isto supón que "non poidan subscribir os informes técnicos preceptivos das licenzas de obras para os devanditos usos, nin as declaracións de ruína, nin tampouco os expedientes de disciplina urbanística".
A sentenza aínda non é firme xa que pode presentarse un recurso de apelación. O maxistrado expón nela que é desaconsellable externalizar, con contrato administrativo, o servizo municipal de Urbanismo ao entender que esta actuación corresponde ao persoal funcionario, non contratado por contrato administrativo. Desta forma, garantiríanse os principios de obxectividade e defensa do interese público evitando conflito de intereses, explica na resolución xudicial.