O parque de bombeiros, o primeiro de España en ter un dron cautivo
Por Alejandro Espiño
Un dron cautivo que poderá elevarse ata uns 45 metros do chan. É o innovador equipamento co que contará o parque de bombeiros de Pontevedra. É, segundo o goberno municipal, o primeiro de toda España en contar cunha ferramenta similar.
A adquisición deste dron, que se manexa mediante iPad e suxéitase cun cable a un grupo electrógeno, permitirá aos efectivos do parque contar cun aparello dotado de sensores térmicos, equipo de gravación e fotografía e unha cámara de 360 graos.
Todo iso fará que os bombeiros poidan observar incendios en tempo real "desde arriba e a distancia", destacou a responsable de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e así ver a evolución do lume con total seguridade.
O equipo será portátil e irá dentro dun maletín, para que poida utilizarse en calquera intervención que fagan os bombeiros de Pontevedra.
A súa compra irá ligada, con todo, á incorporación dun camión forestal, no que o Concello investirá case 395.000 euros. O prazo de entrega será duns dez meses.
Vilaverde explicou que aínda que o parque municipal de Bombeiros atende de maneira prioritaria os incendios urbanos "pensamos que era un flanco que debiamos cubrir", ante a nova tipoloxía de incendios e o amplo territorio rural que hai no municipio.
Estes lumes, indicou a edil do BNG, están a afectar a zonas de monte baixo moi próximas ás casas, nas que tamén se acumulan apeiros de labranza e madeira ou existen diversas instalacións agrícolas, "o que pode provocar incendios con clara tipoloxía forestal".
"A adquisición deste vehículo é un exemplo máis da aposta por ter un servizo de extinción de incendios mellor dotado", defendeu Eva Vilaverde, que detallou que ata o de agora estes incendios se atenden cun vehículo adaptado "que xa ten o seu tempo".