A reforma do campo da Reiboa rematará en novembro
Por Redacción
A concelleira de Deportes, Marga Caldas inspeccionou o avance nas obras que se están a acometer no campo de fútbol da Reiboa, situado na Seca, na parroquia de San Xoán. Este é un proxecto que conta cun orzamento que supera os 200.000 euros e que contempla, entre outras novidades, a dotación dun céspede sintético de última xeración, homologado pola FIFA para a disputa de competicións oficiais.
Se non se produce ningún contratempo, o campo de fútbol volverá a estar a disposición dos clubs e usuarios este outono. "A previsión é que no mes de novembro xa estea operativo e poida acoller adestramentos e competicións oficiais e de base, como era habitual", sinala Marga Caldas, que agradece a comprensión do tecido deportivo sobre as consecuencias que teñen estas obras tan necesarias.
Tal e como explicou Caldas, a empresa adxudicataria xa concluíu a retirada da antiga superficie, que se atopaba nun importante estado de deterioro. Actualmente, as tarefas céntranse na limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe. Ademais, estanse a levar a cabo reparacións na base do terreo de xogo, a fin de garantir a escorrentía das augas.
"Este punto da actuación é moi importante, porque axuda a garantir que non se produza acumulación de auga na superficie, como acontecía nos últimos tempos, e que provocaba a degradación do céspede", explicou a titular de Deportes. Unha vez que estes traballos conclúan, procederase á dotación do novo tapete, ademais de renovar porterías, os canóns de rego e as bandeirolas situadas nos currunchos do terreo de xogo.
A edil nacionalista adiantou que a adxudicataria tamén procederá á substitución dos bancos de suplentes e das láminas de céspede que hai nesa zona no terreo de xogo da Seca.
Relacionadas:
-
Reabren as instalacións deportivas da Reiboa
Por Redacción |
-
O futuro circuíto de ciclismo da Reiboa poderá acoller tamén adestramentos de atletismo
Por Redacción |
-
Prevén que A Reiboa poida ter instalado en novembro o novo céspede sintético
Por Redacción |
-
Adxudicada a mellora e substitución do céspede do campo da Reiboa
Por Redacción |