Remata a rehabilitación integral do Pazo de Besada
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, e a responsable da área de Servizos Sociais, Rosa Fernández, visitaron o Pazo de Besada, no que rematou a rehabilitación integral realizada nestas históricas dependencias, que contan con máis dun século de antigüidade. O proxecto contou cun orzamento superior aos 500.000 euros, obtidos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Logo de varios meses de traballos, a obra xa chegou á súa finalización. Agora, o seguinte paso consistirá en acondicionar e dotar do mobiliario necesario o interior do pazo.
O inmoble, que a principios do século XX foi a residencia do exministro de Asuntos Económicos Augusto González Besada, pasará a acoller as oficinas e departamentos situados na Casa Rosada, entre os que se atopan Benestar Social, Mocidade ou o Centro de Información á Muller (CIM). "Se non hai contratempos confiamos en que durante os primeiros meses de 2023 o traslado xa sexa unha realidade", indicou o titular de Urbanismo.
A reforma efectuada no Pazo de Besada serviu para dotar ás dependencias de servizos básicos, ademais de habilitar varias salas e despachos, así como un salón de actos, que se situará no primeiro andar, mentres que na segunda planta haberá unha aula de lectura.
Ademais, tamén se puxeron a punto as terrazas exteriores, que poderán ser utilizadas como zonas de esparcemento e de descanso para as persoas maiores. "Aspiramos a que o Pazo de Besada se consolide como un lugar de referencia para a xente da terceira idade, como viña sendo ata o de agora a Casa Rosada", apuntou Rosa Fernández.
A recuperación do pazo supón, ademais, a posibilidade de poder dar outros usos de carácter lúdico á propia Casa Rosada.
O edificio conta agora tamén cun sistema de calefacción e de iluminación baseado na eficiencia enerxética e tamén garante a mobilidade universal, ao contar con acceso para persoas con problemas neste eido, así como cun ascensor para acceder ás plantas superiores.
"Estamos moi satisfeitos de poder recuperar para a cidadanía o que sen lugar a dúbidas é un dos grandes símbolos da parroquia de San Salvador", conclúen os concelleiros do Goberno municipal.