O Consello de Administración do Porto de Marín aproba o Plan de medidas antifraude
Por Redacción
O Consello de Administración do Porto de Marín celebrado este xoves aprobou, entre outros asuntos, o documento planificador de medidas antifraude da Autoridade Portuaria elaborado por Keep Compliance S.L, empresa especializada en cumprimento normativo que no mes de xuño xa realizara unha presentación do traballo ante os conselleiros portuarios.
O obxecto deste plan é establecer políticas, procedementos e metodoloxías que permitan dar cumprimento aos establecido na orde pola que se configura o Sistema de xestión do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
As medidas de control antifraude poñen especial énfase no ámbito de execución dos fondos Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, tendo en conta as competencias exclusivamente administrativas que ten atribuídas a Autoridade Portuaria.
O Plan revisarase anualmente e está deseñado para catro grandes áreas de loita contra a fraude: prevención, detección, corrección e persecución. O documento tamén contempla o procedemento para seguir para o tratamento dos posibles conflitos de interese e é aplicable a todas as actuacións e proxectos da Autoridade Portuaria que conten con financiamento europeo.
O TRÁFICO PORTUARIO MEDRA UN 4% ATA AGOSTO
Os conselleiros tamén coñeceron o detalle da actividade portuaria ata o mes de agosto. A falta do terceiro cuadrimestre, o porto está a rexistrar un crecemento do 4% no tráfico de mercadorías. O capítulo que máis medra é o dos graneis sólidos, pero tamén se rexistran subidas na mercadoría xeral en contedor, compoñentes eólicos ou a pesca tanto fresca como conxelada.
O número de buques mercantes e a súa capacidade total tamén rexistra un incremento importante con respecto ao mesmo período do ano anterior.