Deteñen a unha moza do Grove que levaba encima heroína e cocaína preparadas para a venda
Por Redacción
A Garda Civil detivo o luns unha moza que circulaba nun patinete eléctrico polo centro do Grove levando encima varias doses de heroína e cocaína preparadas para vender.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a moza é veciña do Grove, ten 35 anos e conta con antecedentes policiais relacionados coas drogas.
Ademais, tiña en vigor unha reclamación do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados para a súa localización e comparecencia no xulgado.
Os feitos ocorreron o pasado luns pola tarde. Unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil do Grove interceptou á moza e espertoulle sospeitas, de modo que lle realizaron un rexistro superficial.
A moza levaba encima nese momento 12 doses de heroína e outras 12 de cocaína. Tamén tiña un caderno con anotacións supostamente relacionadas coas vendas de droga que realizara e varios utensilios relacionados con esta actividade delituosa.
Tras identificar á moza e localizarlle a droga, notificáronlle a súa condición penal de investigada como presunta autora dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas, aínda que quedou en liberdade.
O caso lévao o Xulgado de Garda de Cambados, onde deberá comparecer cando sexa requirida pola autoridade xudicial.