Tensa espera para os traballadores de Rías do Sur tras o acordo para poñer fin á concesión de Supera
Por Diego Espiño
O persoal co que contaba a empresa Supera no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños segue con atención todo o que sucede con respeco á xestión da instalación deportiva, pechada desde o pasado mes de abril.
O acordo extraxudicial pechado entre a empresa Supera (Sidecu) coa Fundación Rías do Sur, polo que renuncia aos 14 anos de explotación que aínda tiña por cumprir, deixa no aire o futuro dos 22 traballadores da piscina olímpica.
Entre as cláusulas asinadas no citado acordo destaca por unha banda a compensación económica que Supera achegará á Fundación en concepto de mantemento, e que contrasta co millón de euros que demandaba inicialmente para renunciar á concesión, e por outra a obriga de resolver a situación contractual dos seus empregados.
"A Fundación recolle a instalación libre de todas as cargas, incluído o persoal. Sidecu comprometeuse no acordo a finiquitar a todos os traballadores", recoñece o presidente de Rías do Sur, Héctor Vilariño, defendendo que "é un asunto que a nós non nos incumbe, outro tema é se vén unha nova concesionaria e teña que dar emprego a eses traballadores".
A pesar de levar case seis meses sen acudir aos seus postos polo peche do complexo deportivo, o persoal de Supera seguiu cobrando desde entón os seus salarios con normalidade e na súa totalidade, tendo en conta que a Xunta de Galicia rexeitou os ERTE de forza maior por covid que a empresa pretendía rexistrar no inicio do conflito.
Mentres non se resolvía a disputa xudicializada con Rías do Sur, e debido tamén ás axudas recibidas noutros centros de España que podían verse afectadas en caso de despedimentos, Supera preferiu seguir abonando eses salarios.
Agora con todo a situación cambia, aínda que fontes sindicais confirmen que non se produciron aínda contactos coa administración da empresa. O persoal e a súa representación sindical (dous delegados do sindicato CIG e un de CCOO) son coñecedores do acordo alcanzado entre Supera e a Fundación, polo que esperan que en próximas datas se produza un achegamento da dirección coa intención de extinguir os seus contratos.
Neste sentido, e coa subrogación como un dos puntos recoñecidos no seu convenio no caso de cambio de xestión nas instalacións, os delegados de persoal confían en poder lograr o mantemento dos postos cando unha nova empresa entre a xestionar o complexo deportivo de Ponte Muíños. Iso non quita que a situación se siga con tensión e moita preocupación. Non é para menos, xa que o futuro dos traballadores está en xogo.
Relacionadas:
-
Reunión entre o PP e os clubs afectados polo peche de Rías do Sur para "buscar solucións conxuntas"
Por Redacción |
-
O Concello tende a man a un acordo para manter aberto Rías do Sur: "Pola nosa parte non vai quedar"
Por Diego Espiño |
-
Rías do Sur volve pechar ao non poder facerse cargo a Fundación "do groso dos gastos que conleva"
Por Diego Espiño |
-
O enchido da piscina olímpica, á espera de que "ENCE nos diga cando nos pode dar enerxía calorífica"
Por Diego Espiño |
-
Rías do Sur, en xaque pola seca... e pola situación de ENCE
Por Diego Espiño |
-
Supera renuncia á concesión de Rías do Sur tras asinar un acordo extraxudicial coa Fundación
Por Diego Espiño |
-
Ao choio para poñer a punto a piscina olímpica de Ponte Muíños
Por Redacción |
-
A seca frea a reapertura de Rías do Sur: "Non encheremos a piscina ata que a situación cambie"
Por Diego Espiño |
-
Un novo auto xudicial abre a vía á apertura de Rías do Sur
Por Diego Espiño |