Continúa o enredo xudicial polo naufraxio do Villa de Pitanxo ao pedir a Fiscalía que o investigue un xulgado de Vigo
Por Natalia Puga
A decisión do maxistrado Ismael Moreno de declarar que a investigación xudicial do naufraxio do Villa de Pitanxo é competencia da Audiencia Nacional parecía pechar un enredo de varios meses nos que se barallou que poderían ser competentes para a instrución varios xulgados. Con todo, aínda faltaba unha volta. A Fiscalía recorreu e pide que se investigue en Vigo.
O fiscal Marcelo Azcárraga, vello coñecido das Rías Baixas pola súa etapa como fiscal antidroga de Pontevedra, presentou un escrito de recurso o pasado 12 de setembro discrepando da decisión do xuíz do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional.
O escrito, difundido por axénciaa Efe, argumenta que a causa corresponde aos xulgados do seu porto de primeira arribada, o porto de Vigo, desde o que partiu o Villa de Pitanxo na marea que acabou co naufraxio o pasado 15 de febreiro en Terranova.
A Fiscalía pedía inicialmente que a competencia fose dos xulgados de Marín, localidade onde se atopa o porto de base do buque, pero desde Marín o xulgado argumentou que debía ser a Audiencia Nacional. Agora, a Fiscalía pide que sexa Vigo.
O maxistrado Ismael Moreno declarouse competente para instruír esta causa baseándose en que os feitos sucederon "fóra do Territorio Nacional" e, "ante as dúbidas suscitadas", optou tamén pola aplicación do "principio de ubicuidade, en virtude do cal se atribúe a competencia ao Órgano xudicial que coñeceu en primeiro lugar da causa". El primer atestado de la Policía Judicial de la Guardia Civil sobre el naufragio se entregó en la Audiencia Nacional.
O fiscal non comparte esta interpretación porque, ao seu xuízo, está a obviar a lei de xustiza universal "cando aclara de forma tallante" que forman parte do territorio nacional, "e para os efectos da competencia dos tribunais españois, os buques e aeronaves españois, sen distinción".
Nestes casos, continúa, óptase "polo criterio do porto de primeira arribada consagrado polo Tribunal Supremo" e ese criterio "non pode descartarse simplemente polo feito de que o buque non regresase a porto, por canto entón a competencia da Audiencia Nacional quedaría ao azar de circunstancias alleas ás previstas".
"TRISTEZA" DAS FAMILIAS
Tras coñecerse a decisión da Fiscalía, as familias dos 21 falecidos no naufraxio mostraron a súa "sensación de tristeza" ante o temor a que este novo recurso da Fiscalía "dilate aínda máis" este procedemento xudicial.
A portavoz das familias, María José de Pazo manifestou que non "comprende" que a Fiscalía apuntase primeiro a Marín e agora a Vigo e insistiu na súa "tristeza e pesar".
As familias tamén anunciaron que este mércores 28 de setembro, ás 17.30 horas, reuniranse na biblioteca de Marín co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, e outros cargos do PSOE.
Relacionadas:
-
A mellora enerxética chega aos xulgados de Marín
Por Redacción |
-
"Que a ministra de Traballo diga que 21 traballadores que faleceron non é da súa competencia excede certos límites de decencia"
Por Natalia Puga |
-
O PSdeG apoia os familiares do Villa de Pitanxo para que se baixe ao pecio: "Os cartos non poden ser un problema"
Por Oskar Viéitez |
-
O xuíz quere saber "se é posible baixar ao pecio" do Villa de Pitanxo e "se sería útil" para investigar o naufraxio
Por Redacción |
-
A Audiencia Nacional asume a investigación do naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia Nacional pide á Garda Civil que analice o móbil dun dos falecidos do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
A Audiencia Nacional ordena a retirada do pasaporte do patrón do Villa de Pitanxo tras tomarlle declaración como investigado
Por Natalia Puga | Creada e actualizada