Deteñen dous pontevedreses por roubos en seis vehículos de cinco localidades
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous veciños de Pontevedra J.O.A., de 41 anos, e MS.M.A., de 38, como supostos autores de, polo menos, seis roubos en interior de vehículos rexistrados en cinco municipios da provincia.
Segundo indicou a Garda Civil, as detencións producíronse grazas á colaboración de cidadáns que alertaron a Policía Local de Cambados dunhas persoas sospeitosas roldando por unha das rúas da localidade.
Os axentes desprazáronse ao lugar e puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil de Cambados, os que tamén se dirixiron ao devandito punto. Unha vez alí, comprobaron que se trataba de dous homes e dúas mulleres e denunciaron un deles por portar un coitelo de grandes dimensións na vía pública e a outra por non acreditar a súa estanza legal en España.
Os outros dous, que xa estaban a ser investigados pola Garda Civil, foron detidos pola súa presunta participación en varios roubos en interior de vehículos nos municipios de Cambados, Meaño, Pontevedra, Catoira e Tui.
Os detidos usaban sempre o mesmo modus operandi. Situábanse nas inmediacións de centros escolares e gardarías, onde os pais adoitan estacionar os vehículos durante un curto espazo de tempo para levar aos nenos ata a instalacións dos colexios, deixando á vista os bolsos e carteiras.
Aproveitaban esta circunstancia para fracturar o cristal dunha das xanelas e levarse os bolsos para conseguir o diñeiro que puidese haber no seu interior.
A investigación continua aberta, polo que non se descarta a imputación de novos delitos da mesma índole aos detidos. Eles, que recoñeceron a súa participación nos feitos, quedaron en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados cando sexan requiridos.