O programa de detección precoz do cancro de cérvix chega a todos os centros de saúde pontevedreses
Por Redacción
Matronas de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés participaron este luns nunha xuntanza técnica no Hospital Montecelo para continuar co proceso de extensión do programa galego de detección precoz de cancro de cérvix.
A idea é que este programa chegue aos 44 centros de saúde da área sanitaria e estea totalmente implantado a finais de outubro.
Estes cribados preventivos realízanse a mulleres de entre 35 e 65 anos que foran nalgún momento sexualmente activas, así coma a mulleres maiores de 65 anos sen citoloxías realizadas nos últimos 5 anos.
As mulleres de 35 a 65 anos da área sanitaria recibirán unha invitación ao Programa por correo postal ou vía SMS e as matronas farán tamén difusión nos seus respectivos centros de saúde.
A detección da infección polo Virus de Papiloma Humano realízase mediante unha proba moi sinxela e indolora que, a diferencia da citoloxía, pode ser realizada tanto nun centro sanitario como pola propia muller no seu domicilio. Isto é así por que o virus se detecta no fluído vaxinal. Se a proba é negativa -non se detecta infección- o risco de ter calquera anomalía nas células do colo do útero é mínimo.
Se resulta positiva, será necesario verificar que non hai anomalías nestas células, polo que será preciso efectuar unha citoloía nun centro de saúde.
No caso de que non se observaran anomalías na toma realizada, recibirase un SMS co resultado de normalidade -se non se rexeitou esta forma de comunicación co Sergas-. No caso de que se precise realizar algunha outra proba, recibirase unha carta no enderezo da muller coa correspondente cita.
Todos os resultados relacionados co Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix poderanse consultar a través da plataforma E-Saúde.