Medio Ambiente implicará os escolares no proceso local de recollida de lixos
Por Redacción
A Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo invitou os distintos centros educativos do municipio a sumarse a unha acción coa que pretende fomentar actitudes cívicas entre os estudantes.
Esta actividade denominada 'Aula verde de residuos' ten como finalidade que os escolares coñezan de primeira man a xestión local dos residuos sólidos urbanos e tomen conciencia da necesidade de que a cidadanía colabore con accións como a separación dos restos en orixe, o respecto aos horarios de recollida do lixo e a correcta utilización do mobiliario urbanos, entre outros.
Os alumnos de 6º curso de Educación Primaria serán os destinatarios desta acción coa que colabora a empresa adxudicataria do servizo de recollida de lixo e que complementa o programa de Educación Ambiental posto en marcha un ano máis pola área que dirixe José Luis Rodríguez.
Para iso, a Concellaría de Medio Ambiente concertará visitas ás instalacións da firma Ascan, onde os participantes terán a oportunidade de coñecer o parque da maquinaria e o seu funcionamento.
Previamente, aqueles centros educativos que así o desexen poderán recibir unha charla introdutoria nas aulas e realizar unha visita ao Punto Limpo Municipal, para pechar o ciclo de xestión dos residuos sólidos.
Os colexios que desexen sumarse a esta proposta deberán poñerse en contacto coa Oficina de Medio para coordinar a actividade.