Nené Barral, por fin no banco dos acusados?
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra volveu a sinalar o xuízo contra Nené Barral, ex alcalde de Ribadumia, detido hai 21 anos como presunto líder dunha organización criminal dedicada á introdución en Galicia de tabaco de contrabando.
O último intento por celebrar este xuízo foi o pasado mes de xullo, pero a vista tivo que ser suspendida pola enfermidade dunha das persoas que ía intervir no xuízo.
Agora, os maxistrados citaron a todas as partes para este venres 30 de setembro, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Para o rexedor, que gobernou este municipio pontevedrés baixo as siglas de Alianza Popular e o Partido Popular entre 1983 e 2001, cando foi forzado a dimitir tras a súa detención, a Fiscalía pide unha condena de 10 anos e medio de prisión.
Xunto a outras once persoas, entre elas o seu irmán Feliciano Barral, está acusado dos delitos de asociación ilícita, contrabando, revelación de segredos por funcionario público e suborno.
Ademais, o fiscal reclama ao ex rexedor, que ten actualmente 78 anos, que abone unha multa de 15 millóns de euros pola súa actividade continuada no ámbito do contrabando de tabaco.
Os investigadores consideran que Nené Barral lideraba un grupo "organizado, estable e xerarquizado" para introducir en España e en Europa tabaco de procedencia extracomunitaria, tanto por vía marítima como terrestre, a través de dous pesqueiros e un buque mercante.
Nesta organización, na que colaboraban persoas de nacionalidade portuguesa, holandesa, suíza, croata, norteamericana, inglesa e polaca, operou fundamentalmente entre os anos 1996 e 2001, tendo o seu centro de operacións nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Durante todo ese tempo, segundo os datos de Facenda, acumularon unha débeda tributaria pola importación deste tabaco de contrabando que rozou os 5 millóns de euros.
A Fiscalía, no seu escrito de acusación, documenta polo menos tres operación de gran calado que, segundo as autoridades, Barral xestionaba mesmo desde o seu despacho no Concello e para o recorría a habituais 'soplos' por parte de diversos funcionarios públicos.
O exalcalde, subliña o fiscal, "mantiña estreitos lazos de amizade con gardas civís e simultaneamente dispoñía de información sobre as actuacións de Vixilancia Aduaneira" para garantir o éxito das súas operacións de contrabando.
A operación que precipitou a súa detención, en maio de 2001, e a súa posterior dimisión como rexedor de Ribadumia, foi a incautación de catro contedores con 432.000 paquetes de tabaco, que ían camuflados a bordo dun barco que atracou no porto de Vigo.
Relacionadas:
-
A causa de 'Nené' Barral dúas décadas sen xulgar, aínda con opcións de pelexar para a Fiscalía
Por Natalia Puga |
-
O regreso de Nené Barral ante un tribunal terá que seguir esperando
Por Natalia Puga |
-
Nené Barral, no banco por contrabando 21 anos despois da súa detención
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Aprazado sen data o xuízo contra Nené Barral por contrabando e suborno
Por Natalia Puga |
-
A causa sen xulgar máis antiga de España sentará a Nené Barral no banco por contrabando e suborno
Por Natalia Puga |
-
Absolto Nené Barral e outros 15 acusados na operación Trucarro tras anular as escoitas telefónicas
Por Redacción |