Expertos en biodiversidade xúntanse en Salcedo para analizar o estado de especies endémicas en Galicia
Por Redacción
Expertos no lobo ibérico, o oso pardo cantábrico e outras especies de fauna silvestre e exótica xuntáronse este domingo en Salcedo para dialogar sobre biodiversidade en perigo.
Foi no transcurso dunhas xornadas organizadas pola Asociación Educativa Animais do Mundo (Aecam), en colaboración coa concellería de Benestar Animal de Pontevedra.
Durante todo o día, os asistentes puideron escoitar os faladoiros protagonizados por Roberto Díaz, técnico especializado en fauna exótica e silvestre, que divulgou acerca da biodiversidade invisible; ou do biólogo Xosé Pardavila, que reflexionou sobre pequenas especies carnívoras.
A sesión matinal completouse coa participación de Pablo González, biólogo especializado en aves e técnico de centros de recuperación de fauna silvestre, que falou sobre as principais ameazas que pesan sobre as aves ou as estratexias para a súa conservación.
Xa pola tarde foi a quenda de Jesús Criado, naturalista especializado no lobo ibérico; que se centrou na problemática e na xestión do lobo en Galicia; ou César Ayres, que analizou a situación na que se atopan anfibios e réptiles endémicos na comunidade galega.
O peche das xornadas correu a cargo de Martín Carral, naturalista especializado no oso pardo cantábrico, que abordou o estado no que se atopa esta especie en Galicia.