Promotoras inmobiliarias, tendas de roupa, supermercados e bancos, os que máis pagan polo IAE
Por Alejandro Espiño
Por segundo ano consecutivo, a recadación de Pontevedra polo imposto de actividades económicas, o coñecido como IAE, estará moi preto dos 2,4 millóns de euros.
A pandemia parece non facer efecto nas empresas que facturan máis dun millón de euros, que son as únicas que deben pagar este tributo municipal. Se en 2021 superáronse por primeira vez os mil recibos (1.004), neste ano 2022 foron dous menos, un total de 1.002.
Isto non significa, con todo, que haxa un milleiro de compañías en Pontevedra que teñen ese volume de facturación, xa que una mesma empresa pode pagar varios recibos ao ter diversas sedes de traballo, como sucursais bancarias ou diferentes marcas da mesma multinacional.
En concreto, entre os recibos e as liquidacións (171), as arcas municipais ingresarán este ano 2.367.000 euros, apenas 20.000 euros menos que o ano anterior, que foi un exercicio récord.
O aumento na recadación do IAE, que en 2017 era de 1,99 millóns con 804 recibos, é froito do traballo realizado polos técnicos municipais para detectar a fraude nesta tributación.
O padrón de empresas que pagan este imposto está encabezado por construtoras e inmobiliarias (41 recibos), comercios de roupa (32), supermercados de máis de 400 metros cadrados (28) ou talleres de reparación de coches (28).
A banca, pola súa banda, baixa ata o quinto posto da clasificación con 27 recibos (oito menos que en 2021), seguida de panaderías e confeiterías (22), cafés e bares (19), servizos independentes (17), tendas de electrodomésticos (16) e instalacións eléctricas (16).
Empresas de reparación, concesionarios de coches, zapaterías, servizos de limpeza, almacenistas de peixe, xogueterías, librerías e papelerías, ortopedias, gasolineiras, aseguradoras, clínicas médicas ou empresas de transporte son outras das principais actividades que recolle o padrón.