A Universidade cambia o gasóleo polo gas natural no campus de Pontevedra
Por Redacción
Un aforro do 30% anual na factura enerxética e unha importante diminución das emisións de CO2 á atmosfera, é o dobre beneficio que obterá a Universidade de Vigo ao transformar as salas de caldeiras dos centros do campus de Pontevedra a gas natural.
As obras comezarán a finais do mes de febreiro e desenvolveranse paulatinamente segundo un plan que deseñará conxuntamente a institución académica e a empresa Gas Galicia, distribuidora de Gas Natural Fenosa.
O acordo asinárono este mércores o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e a delegada de Nova Edificación e Gran Consumo Zona Norte de Gas Natural, Teresa Gutiérrez.
No campus de Pontevedra, realizarase o cambio na Facultade de Bellas Artes, a Casa das Campás, o Pavillón Polideportivo, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a Escola de Enxeñaría Forestal, a Facultade de Fisioterapia e a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Ata agora, a meirande parte dos edificios da Universidade empregaban como combustible o gasóleo para calefacción e auga quente, así como para os grupos electróxenos.