Usa como escusa a pandemia para xustificar unha estafa na venda de roupa e calzado a través de Facebook
Por Natalia Puga
Unha veciña de Pontevedra acabou converténdose en vítima dun delito de estafa tras comprar diversas pezas de roupa e calzado deportivo que a unha muller que os anunciaba para a súa venda a través de Facebook.
A vítima chegou a realizar dez transferencias por valor de 754 euros sen chegar a recibir ningún obxecto de todos os comprados.
Estes feitos acabaron no xulgado e a estafadora acabou condenada primeiro polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e logo pola sección segunda da Audiencia Provincial.
A condenada deberá cumprir oito meses de prisión e, ademais, devolver á súa vítima 755 euros en concepto de responsabilidade civil.
Á hora de recorrer a primeira sentenza, a condenada chegou a xustificarse amparándose na situación de pandemia e botando a culpa á propia vítima.
Así, argumentou que, en realidade, aquí non había unha estafa, senón un incumprimento contractual, pois ela "quixo en todo momento entregar a mercadoría e/o devolverlle o diñeiro", pero "a chegada da pandemia do Covid-19 e outros feitos fixérono imposible".
O recurso presentado pola acusada á sentenza orixinal, rexeitado pola Audiencia, tamén bota a culpa á propia vítima, pois considera que "non tomou as suficientes precaucións" en canto "realizou varias transferencias sen que lle chegase a mercadoría solicitada".
Os feitos ocorreron entre o 21 de xaneiro e o 4 de febreiro de 2019. A agora vítima interesouse polas pezas que as pezas e o calzado que ofertaba a xa condenada por Facebook e "confiando na veracidade da oferta", púxose en contacto con ela e pactaron a compra e o correspondente pago.
Algunhas das transferencias foron de pequeno importante, 20 ou 25 euros, e algunha alcanzou os 200. Entre a primeira transferencia e a última pasaron dúas semanas.
A acusada, segundo recolle a sentenza condenatorio, "con ánimo de obter un beneficio económico ilícito", fixo seu o diñeiro ingresado na súa conta e non entregou as pezas. Cando o caso chegou a xuízo no ano 2022, seguía sen enviarlle nada.