Cuntis renova as axudas á natalidade e dará ata 500 euros por familia
Por Redacción
O Concello de Cuntis abre o prazo para solicitar axudas do programa de fomento da natalidade ao que poderán acceder as familias con fillos nacidos no último ano presentando a solicitude antes do 12 de decembro. O grupo de goberno habilitou no orzamento unha partida de 5.000 euros que será suplementada no caso de resultar insuficiente.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as nais e pais empadroadas en Cuntis, polo menos un deles, cunha antelación de nove meses e con fillos nacidos entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022 e que a renda da unidade familiar, sumada a base impoñible xeneral e a base impoñible de aforro, da declaración do IRPF do ano 2020 non supere os 45.000 euros.
No caso de que esta contía fose superior, a renda per cápita, entendida como a suma das bases impoñibles xeneral e do aforro dividida polo número de membros da unidade familiar, non deberá superar os 13.500 euros.
As axudas serán como máximo de 300 euros por cada fillo nado ou adoptado, pero no caso de nacementos ou adopcións de nenos con algunha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33% ou con recoñecemento da situación de dependencia a axuda poderá chegar aos 500 euros. Esa mesma cantidade recibirán, ademais, aqueles nenos que nazan no seo dunha familia numerosa ou monoparental.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, afirma que con esta medida se quere apoiar ás familias que desexen ter descendencia neste municipio e que, desta forma, poidan facer fronte ás dificultades sociais, laborais e económicas sobre todo nos primeiros meses de vida do bebé.
O rexedor recoñece que as vilas do interior da provincia sofren un importante decrecemento demográfico e entende que é necesario fixar á poboación nestes municipios.