Ana Pontón súmase á vendima no Pazo Baión e propón a creación dunha Lei do Viño galega

Por Redacción
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse este martes ata a comarca do Salnés para coñecer de primeira man como avanza a vendima na zona e trasladar o seu apoio ao sector vitícola, unha actividade económica "clave" en termos de creación de riqueza e emprego e tamén polo que achega na preservación do territorio e de manter un medio rural vivo.
A líder nacionalista puido comprobar como avanza a vendima na adega Pazo Baión, pertencente a cooperativa Condes Albarei, en Vilanova de Arousa a única cooperativa vitícola galega cunha muller presidenta, María Dolores Calvo.
Ao remate da súa visita, quixo destacar que a calidade dos viños galegos "non é produto da casualidade senón o resultado do gran traballo de viticultores e adegueiros ao longo do tempo".
Lembrou Pontón o "prestixio consolidado" dos viños galegos e aproveitou para propoñer a creación dunha Lei do viño ambiciosa e integral que aborde cuestións como a ampliación da superficie de cultivo, o relevo xeracional ou a preservación das castes autóctonas.
A líder do BNG lembrou que estudos recentes sinalan que a superficie media por explotación en Galicia está en 0,18 hectáreas, cando a media española é de 1,8. "Temos un 3,5 % da superficie dedicada a viñedos no Estado, pero en cambio sumamos 200.000 parcelas, o 40 % do total", destacou e apostou por estudar fórmulas que permitan aumentar o tamaño das explotacións.
Ademais, destacou que este tamaño pequeno das explotacións "penaliza" a viticultura galega na recepción de axudas, pois na campaña 2019-2020 ó recibiu o 1,1% do total dos 212 millóns de euros distribuídos polo Estado con cargo ao Fondo español de garantía agraria, apenas un euro de cada cen.
Unha vez constatado que os criterios de reparto prexudican ao sector al favorecer a cantidade e non a calidade, Pontón demanda do goberno da Xunta que "lidere a interlocución co sector" para facer propostas que cambien esta discriminación por un reparto equitativo, sobre todo de cara ás axudas previstas na PAC estimadas en 202,15 millóns de euros para o período 2023-2027
O BNG tamén pon sobre a mesa outras propostas a favor do sector, como recuperar as mesas do viño como mecanismo directo e constante debate e diálogo entre Administración con produtores, cooperativas e adegas ou tamén contratos homologados con prezos mínimos para a uva, "dando estabilidade ao sector tanto na parte de produción como de comercialización.
Na visita acompañárona o xerente de Pazo Baión, Xavier Zas; a deputada do BNG pola comarca do Salnés, Montse Prado; a portavoz parlamentaria de Agricultura, María Albert; e responsables locais e comarcais do BNG.