Os pais da Escola Infantil ''O Toxo' protestan ante o novo cambio de dirección no centro
Por Anxo Lourido
Os pais da Escola Infantil O Toxo vólvense mostrar indignados pola decisión da Xunta de Galicia de substituír na dirección do centro a José Antonio García Lores 'Cáceres' cando leva seis meses ocupando este cargo. A Administración autonómica xa lle comunicou que o 17 de decembro deixará o seu actual posto para reincorporarse como educador no Centro de Menores Avelino Montero.
Na tarde deste martes 3 de decembro, os pais dos nenos do centro mantiveron unha reunión con educadores desta escola infantil que acolle rapaces menores de tres anos. Alí decidiron que, nos próximos días, presentarán escritos no rexistro da Xunta de Galicia reclamando que non se substitúa o director do centro cada seis meses como permite a lexislación actual. Os pais, á saída da reunión, mostraban a súa desconformidade por este cambio indicando que baixo a dirección de García Lores o centro estaba a funcionar de xeito exemplar e sinalaban que a atención cos nenos está a ser "magnífica".
José Antonio García Lores presentárase á renovación do cargo de director por outros seis meses xunto a outros catro aspirantes. A pesar de contar coa puntuación máis alta, dende a Xunta decidiuse levar a cabo a rotación no posto e será substituído por María Tizón, unha educadora do centro de Atención a Persoas con Minusvalidez de Redondela. Aínda que o estatuto do persoal da Administración Pública permite esta designación, os pais móstranse molestos ante unha decisión que se produce en metade do curso e que pode provocar alteracións na educación destes menores. Por este motivo, non descartan adoptar outro tipo de medidas de protesta nas próximas semanas.
Esta situación prodúcese tamén ante a incerteza que se percibe entre o persoal debido á posta en marcha a partir de 2014 da Axencia Galega de Servizos Sociais, unha entidade que unificará a xestión de servizos sociais en Galicia na que están englobadas as escolas infantís. Unha pancarta en contra desta Axencia e reclamando que a Consellería de Educación asuma as escolas infantís encóntrase colgada no enreixado de entrada ao centro.
O Toxo conta, na actualidade, con 102 nenos e 16 traballadores. Os pais xa protagonizaran protestas no mes de maio debido á substitución da anterior directora, Luisa Pereira.
Relacionadas:
-
A Xunta estudará as rotacións na dirección da gardaría O Toxo
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta atribúe a "un tema de normativa" o cambio de director no Toxo e cre que a polémica se está apagando
Por Natalia Puga |
-
Os pais manifestan a súa oposición ao cambio de dirección na Escola infantil O Toxo
Por Anxo Lourido |