Unha delegación do grupo parlamentario Alianza Libre Europea visita Pontevedra para coñecer a súa transformación urbana
Por Redacción
Unha delegación do grupo parlamentario Alianza Libre Europea, que representa 46 formacións políticas, visitará este martes Pontevedra. Trátase dun grupo de 46 persoas encabezado por cinco deputados e deputadas do Parlamento Europeo, entre os que se atopa Ana Miranda, do BNG, que ocupou o seu escano o pasado 5 de setembro.
Esta delegación composta por 46 persoas da Alianza Libre Europea comezou a súa visita a Galicia este luns, cunha parada en Tomiño, e estará ata o mércores día 21.
A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, confirmou este luns a visita, un encontro que quedou pactado logo da visita que o pasado mes de xuño fixeron ao Parlamento Europeo en Estrasburgo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández.
Os parlamentarios europeos coñecerán a cidade polo miúdo e comprobarán in situ o funcionamento do modelo urbano de Pontevedra e a transformación acontecida ao longo dos últimos anos.
A axenda da visita inclúe unha xornada de traballo no antigo convento de Santa Clara a partir das 12.00 horas, na que haberá conferencias e charlas centradas nos procesos de construción de realidades locais e no seu encaixe na Europa dos pobos.
Miguel Anxo Fernández Lores abrirá a xornada e logo haberá un panel no que se abordarán as situacións transfronteirizas en Europa a cargo da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza.
Durante esta xornada vanse analizar as experiencias de transformación local e tres exemplos de boas practicas, Pontevedra, Allariz e Bastia (Córcega, Francia).