Acometen con fondos municipais as tarefas de mantemento do Roteiro de Riomaior
Por Redacción
O Concello de Vilaboa ven de rematar o acondicionamento do sendeiro dos muiños de Riomaior, homologado pola Federación Galega de Montañismo e un dos principais atractivos turísticos de Vilaboa.
A Xunta de Galicia rexeitou a subvención solicitada pola administración local para a limpeza da contorna e a renovación da sinalización polo que o alcalde, César Poza, decidiu acometer a actuación cunha partida de 11.932 euros, máis IVE, procedentes de fondos propios.
Os traballos comezaron cunha roza manual do sendeiro e a instalación de 25 postes de sinalización realizados en madeira tratada e fincados no terreo.
Tamén se repararon catro pasarelas de madeira danadas, así como varandas e outros elementos deteriorados; pintouse a varanda metálica; sustituíronse as táboas de madeira no taboleiro da pasarela existente; arranxouse o panel informativo existente sustituíndoo por un de vinilo; e reemplazáronse varios chanzos nas escaleiras de madeira.
A actuación concluíu co deseño, produción e instalación dun panel divulgativo para sustituir o existente de madeira de piñeiro tratado en autoclave, de 110 centímetros, sobre postes de madeira fincados no terreo.
O alcalde de Vilaboa lamentou que non tivera unha achega da Xunta e comentou que "para os municipios rurais e pequenos resulta moi complicado atender as tarefas de limpeza, desbroce e reposición de todos os nosos recursos".