Zara Home abre a súa nova tenda en Benito Corbal
Cunha distribución segundo as diferentes estancias dunha casa e con máis de 400 metros cadrados de superficie, repartidos en dúas plantas. Así é a nova tenda de Zara Home en Pontevedra, que abandona os baixos do antigo Cinema Gónviz para mudarse a Benito Corbal.
O novo establecemento, que ata hai pouco ocupaba outra das marcas do grupo Inditex, Stradivarius, supón unha recolocación e ampliación da tenda que xa existía na cidade.
Nel, Zara Home presenta con todas as coleccións e categorías de produto da marca, a insignia de produtos para a casa, mobles e complementos de Inditex.
Desde a compañía destacan que a reforma deste emblemático local da 'milla de ouro' pontevedresa preservou a estética e os elementos propios da construción en Galicia.
Así, efectuouse unha sutil intervención na fachada e no interior, os muros de pedra que estaban ocultos recuperan o protagonismo e conserváronse os piares de forxa existentes. Ademais, reforzouse o carácter sostible de todas as instalacións.
Entre as novidades que presenta a nova tenda, na que se recolocaron a todas as traballadoras da firma en Pontevedra, está a posibilidade de efectuar a recollida e devolución de pedidos en liña a través dun punto de recollida específico.
Ademais, tamén se establece a modalidade do ticket electrónico, que ofrece a posibilidade de manter os tickets de compra consolidados na APP de Zara Home a través dun código QR, co que tamén se pode efectuar o pago en tenda.
Desde o seu lanzamento en 2003, Zara Home expandiuse rapidamente e, nestes momentos, opera en máis de 60 países con máis de 500 tendas. A de Pontevedra abriu as súas portas no ano 2007.