En marcha cursos de reanimación cardiopulmonar avanzada e deshabituación tabáquica
Por Redacción
Estes días comezarán dous importantes cursos. Por unha banda, facultativos do Servizo de Medicina Intensiva (UCI) do Complexo Hospitalario de Pontevedra impartirán a médicos internos residentes da área sanitaria un curso de reanimación cardiopulmonar avanzada. Ademáis, o Centro de Saúde San Roque, en Vilagarcía, acollerá un novo curso de deshabituación tabáquica organizado pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra.
En primeiro lugar, o doutor José Luís Martínez Melgar e a Comisión de Docencia do Complexo sanitario pontevedrés, imparten durante as tardes do luns 19 ao venres 23 e do luns 26 ao venres 30 de setembro das vindeiras dúas semanas unha nova edición do Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada no Hospital Montecelo.
Esta actividade docente diríxese a facultativos internos residentes de terceiro curso que se están a formar na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Nesta edición do curso, impartiránse entre as 16 e as 21 horas das tardes das vindeiras dúas semanas clases teóricas e prácticas relacionadas cos sistemas de soporte vital avanzado que reciben os pacientes en situación de parada cardiorrespiratoria.
A previsión docente contempla que ao longo das últimas dúas semanas de novembro -do luns 21 ao venres 25 e do luns 28 ao venres 2 de decembro- se celebre unha segunda edición deste Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada para outro grupo de facultativos internos residentes -MIR de segundo ano- que se forman na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
No caso do curso de deshabituación tabáquica, será presencial, gratuíto e desenvolverase os luns, durante 7 sesións, a partir do próximo 3 de outubro no Centro de Saúde San Roque, en Vilagarcía.
As persoas interesadas poden no teléfono 900 100 036 ou no correo electrónico pontevedra@contraelcancer.es. Quedan poucas prazas polo que as solicitudes atenderanse por orde de inscrición.
Este programa, que conta cunha taxa de éxito do 60%, está dirixido a calquera persoa maior de 18 anos que decidise ou estea interesada en deixar de fumar á que se dotará dun programa de axuda específica e personalizada que combina a redución gradual do consumo de nicotina e unha serie de estratexias para facer máis levadío o proceso de abandono, diminuíndo así a probabilidade de recaída e permitindo a adopción de hábitos saudables.