Ferida con queimaduras unha muller nun incendio nun edificio de Cambados

Por Redacción
Perigoso incendio o que se produciu na tarde deste mércores nun edificio de Cambados, situado na rúa Manuel Murguía.
Unha muller tivo que ser trasladada ao hospital con queimaduras, mentres que decenas de veciños tiveron que ser desaloxados das súas vivendas.
Segundo explica o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o lume orixinouse pasadas as 17.00 horas da tarde no piso habitado pola muller ferida, na terceira das catro alturas do edificio afectado.
Os servizos de emerxencia actuaron con rapidez evacuando as tres primeiras plantas do inmoble.
Con todo na cuarta planta, segundo a chamada dun familiar, atopábase unha persoa que non podía abandonar a súa vivenda ao ser imposible a evacuación polas escaleiras.
A actuación dos Bombeiros de Ribadumia impediu en todo caso a propagación do incendio, polo que non foi necesario desaloxar finalmente esa cuarta planta.