A pandemia reducíu a renda das mulleres un 4% máis que a dos homes
Por Redacción
A pandemia reduciu a renda das mulleres un 4% máis que a dos homes, segundo revela o estudo "Mujeres, traballos e coidados: propostas e perspectivas de futuro" elaborado polo Consello Económico e Social de España (CES).
"É necesario seguir avanzando desde unha perspectiva de xénero a máis longo prazo", sinalou a conselleira do CES, Elena Blasco, que presentou este mércores en Marín as principais conclusións deste informe.
O estudo conclúe que as políticas sociais "non puideron impedir que o impacto global da crise fora maior nas mulleres", segundo Blasco.
En concreto, desde o CES recalcaron a importancia de seguir fomentando a implantación, desenvolvemento e aplicación efectiva de medidas dirixidas a reducir a brecha salarial e a das pensións para lograr a igualdade efectiva entre mulleres e homes.
No seu documento, o consello pide "intensificar os esforzos" para facer de España un país máis igualitario e lembra que, antes da pandemia, esta ocupaba a sexta posición da Unión Europea en igualdade entre mulleres e homes.
Ademais, o estudo alerta sobre o aumento da proporción de mozos que negan a existencia da violencia de xénero, que pasou do 12% en 2019 ao 20% en 2020, e o auxe do ciberacoso, un problema que afecta na UE a unha de cada dez mulleres.
A realidade das mulleres, segundo a coordinadora deste estudo, "segue sendo bastante opaca ou invisible" en diversos ámbitos, o que dificultou os labores de investigación.
En calquera caso, o CES considera que a persistencia da violencia contra as mulleres durante a pandemia "acrecenta a necesidade de incrementar os recursos públicos para erradicala" así como avaliar a eficacia dos dispositivos de protección existentes.
A este respecto, o Consello Económico e Social de España pide orientar as axudas do plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno para "pechar a brecha de xénero".
Así, consideran "fundamental" reforzar a participación e o liderado das mulleres en todas as dimensións da transición ecolóxica, favorecendo o seu acceso aos estudos, o emprego, o emprendemento e os postos de decisión en sectores asociados ao cambio climático.