O BNG esixirá á ministra Ana Pastor que cumpla a súa palabra
Por Oskar Viéitez
No BNG somos moi conscientes do momento que estamos a vivir e non fixemos enmendas que signifiquen un lavado de imaxen, asegurou a deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, para xustificar que o seu grupo non presentará enmendas aos Orzamentos Xerais do Estado sobre a A-57 ou a circunvalación de Pontevedra.
Non é que tieren a toalla, precisou, senón que esixirán ao Goberno que cumpra cos compromisos adquiridos pola Ministra de Fomento, a pontevedresa, Ana Pastor.
Fernández Davila e a voceira municipal do BNG, Anxos Riveiro, expuxeron en Pontevedra as principais reclamacións da súa formación política, que solicita ademais catrocentos mil euros para o acondicionamento e recuperación da Barca e do dominio público marítimo-terrestre en Lourido.
Tamén reclama 50.000 euros para completar o paseo marítimo por toda a autovía de Marín, a mesma cantidade para o arquivo histórico provincial e un millón de euros para a remodelación do nó de Bombeiros.
O BNG solicitará, nas súas enmendas aos PGE, máis de 200 millóns de euros para educación -libros de texto, becas, achegas ao programa Erasmus e para centros de educación infantil, entre outras--, máis de 50 millóns de euros para os servizos de atención a domicilio e un incremento de 125 millóns para o desenvolvemento de políticas de dependencia. Así mesmo, pedirá 1,2 millóns para políticas activas de emprego.
Olaia Fernández Davila tamén indicou que as enmendas tamén teñen en conta a sectores produtivos galegos como o naval, a industria agroalimentaria, a minería ou a conserva.