Alberto Varela quere falar co conselleiro de Educación do "caótico" inicio do curso escolar en Vilagarcía
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, vén de solicitar unha reunión urxente co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, co obxectivo de "poñer fin ao caótico inicio do curso escolar que se está a vivir en Vilagarcía" en relación aos cambios realizados pola Consellería e ás "carencias" do transporte escolar que están deixando sen servizo a moitos estudantes.
A maiores, o concelleiro de Educación, Miro Serén, mantivo este martes unha conversa telefónica co delegado provincial de Educación e co xefe de Transportes para pedir explicacións e solucións ao acontecido este luns co bus ao Cotarelo.
A Xunta decidiu implantar este ano en Vilagarcía o modelo de Centro Integrado de Formación Profesional no IES Bouza Brey que, de acordo a este novo sistema, se dedica en exclusiva ás ensinanzas profesionais e deixa de impartir os cursos da ESO e do Bacharelato. Como consecuencia, o alumnado destas ensinanzas foi asignado ao centro de referencia da zona, que é o IES Cotarelo.
O problema deste luns debeuse ao fallo do transporte escolar que debería trasladar a estes estudantes de regreso ao Piñeiriño á saída do Cotarelo, posto que a Xunta enviou un microbús cun número de prazas insuficiente para acoller a todos os alumnos, quedando en terra parte deles que, ao carecer de información sobre si ía ou non a haber outro servizo, tiveron que desprazarse camiñando ata os seus domicilios.
A explicación que os responsables autonómicos deron este martes ao concelleiro de Vilagarcía é que todo se debeu a un "fallo organizativo e de información" e que xa se estaban facendo as xestións oportunas coa empresa de transporte para que non volvese a acontecer. Ao parecer, ao ver que o microbús era insuficiente, mandouse outro posteriormente, algo do que non se informou aos rapaces que non puideron subir no primeiro por ir completo e que, ante o temor de non chegar a clase, decidiron cubrir camiñando os case dous quilómetros.
Varela confía en que o conselleiro o reciba canto antes para poñer fin ao "caos organizativo e falta de información" sobre horarios e servizos de transporte que están padecendo os estudantes de Vilagarcía.