Detectado un caso de gripe aviaria nun mascato recollido no Grove
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección doutros tres casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Con estes son dez os casos detectados en Galicia, todos eles en mascatos, alcatraz común ou atlántico (Morus bassanus).
Un deles foi recollido na praia grovense de Raeiros, e os outros dous nas localidades coruñesas de Carballo, na praia de Razo e Muros, no porto de Cabanas.
O mascato atopado no Grove foi trasladado ao Centro de recuperación de fauna silvestre de Carballedo e os outros dous ao de Oleiros. Todas as aves foron sacrificadas.
O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e do que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea.
Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando numerosos casos de influenza aviaria nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara o sur.
Aínda que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, sexan comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres.
Aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Por último, cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 11 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres.
Relacionadas:
-
A Xunta detecta un novo caso de gripe aviaria en aves silvestres en Bueu
Por Redacción |
-
Miñones repasa co alcalde Cacabelos os investimentos no Grove do Goberno central
Por Redacción |
-
Xa voa libre un mazarico negro que foi curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre
Por Redacción |
-
Os gansos do Nilo volven criar no Gafos
Por Oskar Viéitez |