O 'skate-praza' de Raíña Vitoria, a todo ritmo: nove dos once módulos desmontables xa están rematados

Por Redacción

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
O futuro 'skate-praza' da avenida Raíña Vitoria de Pontevedra avanza a bo ritmo e nove dos once módulos desmontables que van conformar a estrutura xa están rematados, mentres que os dous restantes están en pleno proceso de fabricación dado que teñen maior dificultade técnica.
Así o anunciou esta fin de semana o Concello de Pontevedra, que avanzou que o 90% das pezas de granito que se usarán para esta instalación están rematadas. Son pezas de granito que logo usarán metal para os entronques co chan, nunha estrutura desmontable que nos últimos días xerou criticas por parte do grupo municipal do PP de Pontevedra.
O proceso de creación das pezas arrancou traballando con bloques de pedra da Lama de grandes dimensións (30 toneladas) e de gran dureza. Con eles fixéronse pezas máis pequenas elaboradas con cortes con fíos e discos de diferente tamaño. As pezas con curvas resultan as máis laboriosas porque se fan con sucesivos cortes para acadar a forma desexada.
Unha vez rematadas as pezas, reconstrúese o módulo no taller usando o exemplo de como se montará en Raíña Vitoria e repásase manualmente para puír pequenas variacións entre pezas, así como para dar os remates ás aristas. Neste caso, a dificultade é maior dado que ao ter que ser desmontable hai módulos que están formados por 8 pezas que teñen que coincidir sen resaltos entre elas.
Finalmente, númeranse as pezas e desmóntase para almacenar até a súa montaxe.
A empresa graniteira da Lama Graniver avanza a bo ritmo na elaboración das pezas mentres o Concello de Pontevedra xa comezou a creación dunha plataforma única en Raíña Vitoria para a posterior instalación dos módulos desmontables.
Relacionadas:
-
Finalizados os traballos de pintado do 'skatepraza' de Raíña Vitoria
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O pintado, última acción antes de dar por finalizado o 'skatepraza' de Raíña Vitoria
Por Redacción |
-
Atrásase a estrea do 'skate praza' de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As primeiras pezas do 'skatepraza' ocupan o seu lugar en Raíña Vitoria
Por Alejandro Espiño |
-
Raíña Vitoria, en obras: inician os traballos para o futuro 'skate-praza'
Por Alejandro Espiño |
-
O skate-park "de quita e pon" en Raíña Vitoria é, para o PP, unha "tomadura de pelo"
Por Redacción |
-
Raíña Vitoria prepárase para acoller o futuro 'skate-praza'
Por Alejandro Espiño |