O mozo de Cangas que matou ao noivo da súa nai deberá cumprir 12 anos e medio de internamento nun psiquiátrico
Por Redacción
O mozo de Cangas que matou o noivo da súa nai deberá cumprir 12 anos e medio de internamento nun centro psiquiátrico. A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra emitiu sentenza no caso de Francisco A.M ao que un xurado popular declarou culpable. Aquel fallo condenatorio deixaba abertas todas as posibilidades para que a maxistrada ditase sentenza e finalmente esta decantouse polo homicidio.
Segundo adianta Carlos García en Faro de Vigo, o tribunal aplica a Francisco A.M., de 22 anos de idade, a eximente completa de alteración psíquica, e dita a adopción dunha medida de seguridade de internamento nun centro psiquiátrico en réxime pechado por espazo de 12 anos e medio.
Dende o momento dos feitos o procesado recoñeceu ser o autor do crime. Padece un grave trastorno da personalidade, unha doenza derivada dun accidente de tráfico cunha motocicleta.
A sentenza, atendendo ao veredicto do xurado, sinala que Francisco "non tiña intención de deixar sen defensa a vítima" xa que o ataque se produciu debido ao trastorno mental que padece. Polo tanto non considera a circunstancia agravante de aleivosía que elevaría o homicidio ao delito de asasinato, tampouco a de parentesco. Non era esta a tese que sostiñan a Fiscalía e a acusación particular que entendía que se tratou dun asasinato polo que solicitaran unha pena de internamento de 16 e 20 anos, respectivamente.
A sentenza tamén establece unha orde de afastamento do procesado cara aos tres fillos da vítima por espazo de dez anos e deberá indemnizalos con 11.000 euros para cada un.
O tribunal consideran feitos probados que o 8 de xaneiro de 2011, cando Francisco se encontraba na cociña do domicilio da súa nai, en torno ás 16,15 horas, sen formulación previa debido ao seu estado mental e sen que mediase discusión previa, de forma súbita lle cravou un coitelo no colo en dúas ocasións ao noivo da súa nai, subtenente da Garda Civil na reserva. O agredido, Jorge Fernández Silvoso, faleceu como consecuencia de shock hemorráxico por sección da arteria carótida, producíndose a morte entre dous e dez minutos tras a agresión.
Relacionadas:
-
O TXSG aumenta a 16 anos a pena máxima do mozo que matou ao noivo da súa nai
Por Oskar Viéitez |
-
O xurado declara culpable o mozo que matou a coiteladas o noivo da súa nai en Cangas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os forenses advirten que Francisco podería repetir un ataque como o que tivo cando matou o noivo da súa nai
Por Oskar Viéitez |
-
O mozo de Cangas acusado de matar o noivo da súa nai recoñece durante o xuízo ser o autor do crime
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |