Os campamentos 'Depo Aventura A Lanzada' teñen nova mascota: Isidoro Gatuno

Por Redacción

© Deputación de Pontevedra

© Deputación de Pontevedra

© Deputación de Pontevedra
A terceira edición de campamentos 'Depo Aventura A Lanzada' promovidos pola Deputación de Pontevedra chegaron este venres o seu fin coa tradicional festa de despedida despois de dous meses e medio de intensa actividade.
Nela, como é habitual, neste último día de 'Depo Aventura' os 1.540 rapaces e rapazas participantes elixiron a súa nova mascota, que será a imaxe do programa provincial para o vindeiro 2023.
Trátase de Isidoro Gatuno, unha peza feita con cartón, pinturas e piñas, que se impuxo á Alexo o Cangrexo, Newt Salamander, Pepiño o paraxiño, Amparito o gusanito, Pexinho, Doris a xirafa, Manolo o centolo, Mariña a oruguiña, Bartolo o pez globo e Roi o boi, todads elas elaboradas no resto das quendas deste verán con materiais naturais e de refugallo.
A Deputación recuperou, tras dous anos de parón pola pandemia, os seus campamentos neste 2022. En total, desde finais de xuño foron 11 as quendas nas que cada semana estiveron 140 crianzas de entre 8 e 13 anos.
A través de 'Depo Aventura' desfrutaron de diversas actividades culturais, de coñecemento e deportivas para desfrutar en convivencia.
Este ano en concreto, o campamento celebrouse baixo a temática 'A Lanzada, un paseo pola Historia', onde figurou un obradoiro dedicado ás mulleres científicas, actividades para o coñecemento da lingua de signos, iniciación á inmersión lingüística en inglés ou a feira romana Arde Lanzadus, que se sumaron a unha oferta deportiva que incluíu tiro con arco, bodyboard, snorkel, xogos de praia, malabares ou sesións doutros deportes minoritarios. Todas as actividades foron prestadas por un equipo especializado.
Ademais, a Deputación renovou o recinto coa ampliación das tendas e a mellora e modernización das instalacións, coa mellora da zona de comedor e o acondicionamento da zona arborada, para que os nenos e nenas desfrutasen nas mellores condicións da experiencia.