Unha residencia artística de Isaac Cordal, paso adiante na promoción da Illa do Covo
Por Redacción
O conxunto escultórico da Illa do Covo, a coñecida como Illa das Esculturas, acollerá durante este mes de setembro unha acción cultural que vai complementar o proxecto de posta en valor e promoción de toda a contorna que ten en marcha o Concello de Pontevedra. Será unha residencia artística a cargo do creador pontevedrés Isaac Cordal.
Os concelleiros de Patrimonio e de Cultura de Pontevedra, Xaquín Moreda e Carme Fouces, presentaron a actividade, a primeira residencia artística vinculada coa Illa do Covo, pero que aspiran a que abra a porta a máis actividades desta natureza, que "veña para quedarse" centrada tanto nas belas artes como no urbanismo.
A residencia artística realizarase entre os días 15 e 29 de setembro e terá varios escenarios. Cordal traballará no Pazo da Cultura, onde terá o taller para a creación da súa obra durante estes 15 días, e ademais esa obra vaise mostrar na propia illa e no resto da cidade.
Fouces destacou que o Concello de Pontevedra levaba "tempo detrás del" e esta residencia é unha oportunidade para que traballe nunha cidade da que é natural e na que se formou na facultade de Belas Artes antes de lograr grande recoñecemento no mundo artístico.
Xaquín Moreda lembrou que esta actividade forma parte do proxecto municipal para a posta en valor da Illa do Covo, na que se realizou nos últimos tempos unha limpeza das pezas escultóricas e un acondicionamento da contorna e está en proceso outra fase de reactivación museística que pasa por sinaléctica, un roteiro en podcast e unha guía didáctica.
Esta residencia artística complementa o resto das accións e dá un chanzo máis na promoción desta contorna e da propia cidade de Pontevedra "no ambiente da creación e a arte contemporánea".
Moreda destaca tamén que é "importante traballar sobre o terreo" e Cordal estará 15 días sobre o terreo e con total liberdade de traballo.
A obra será efémera. Cordal traballa en madeira e a súa duración exacta, tal e como lembrou Moreda, vai depender das condicións meteorolóxicas do vindeiro inverno.
En todo caso, esta residencia artística deixará pegada na cidade coa súa propia experiencia e tamén a través dun documental que vai recoller todo o proceso creativo da obra e se vai proxectar ao remate da residencia artística.
Durante o tempo que dure esta experiencia, Isaac Cordal vai recibir a vista de alumnado da facultade de Belas Artes. Fouces destaca a importancia da relación existente entre o Concello e esta facultade, unha conexión que "cada vez se vai asentando máis"