"Non á desfeita nos Praceres": Pontevedra rexeita as expropiacións para suprimir os pasos a nivel
Por Redacción
O proxecto presentado polo Ministerio de Transportes para a supresión dos pasos a nivel na Praza dos Praceres é, segundo insisten desde o goberno municipal, unha "desfeita total" para a parroquia de Lourizán e supón "soterrar ás persoas" en lugar das vías do tren.
De aí que o Concello, a través do edil coordinador do rural, Alberto Oubiña, se negara este xoves a asinar as actas de levantamento das catro parcelas municipais que deberán seren expropiadas para materializar este proxecto.
A iniciativa, segundo denunciou o representante municipal, destruirá o parque infantil da praza, afecta á parcela municipal do campo de fútbol e a outras dúas de menor entidade. Pero tamén fai inviable a creación do coñecido como Parque da Dignidade.
Oubiña, que vestiu unha camiseta co lema "Non á desfeita nos Praceres", acudiu ao acto de levantamento das actas de expropiación que se celebrou no Pazo da Cultura, pero asegurou que o fixo "pola obriga legal" que implica un proceso destas características.
O Concello, ao igual que numerosos particulares afectados por esta actuación, non asinou a acta de expropiación forzosa para amosar o seu rexeitamento a este proxecto.
"Imos seguir a loitar para defender á veciñanza porque existen alternativas que ADIF pode levar adiante, se quere", sentenciou o edil do BNG, que avanzou que o Concello remitiu un novo escrito ao Ministerio para que reconsidere a súa postura.
O escrito recolle que, en opinión do Concello e tras os informes dos técnicos municipais, esta "non é unha solución axeitada" ao interese xeral nin ás necesidades dos veciños, chegando a vulnerarse o seu dereito á tutela xudicial efectiva.
Esta solución, que vén derivada dunha sentenza xudicial que ilegalizou estes pasos a nivel e ordenou a súa retirada, "prexudicaría máis á contorna que o propio proxecto anulado".
Relacionadas:
-
Adif iniciará en xuño as obras para eliminar os pasos a nivel en Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello achega novos informes contra os túneles para peóns na praza de Os Praceres
Por Redacción |
-
Lores, sobre o soterramento dos pasos a nivel dos Praceres: "vai empeorar o estado da praza"
Por Natalia Puga |
-
Sae a licitación por 10,8 millóns de euros a supresión dos pasos a nivel na Praza dos Praceres
Por Oskar Viéitez |