A alcaldesa de Marín pide ao BNG "a prudencia da que eles carecen" ao falar do caso Pokémon
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, pediu "prudencia" ante as acusacións do grupo municipal do BNG na localidade, que lle pedían que apartase das contratacións de obras e persoal ao aparellador municipal, imputado na Operación Pokémon.
"Quixeramos trasladar ao Grupo Municipal do BNG a prudencia da que eles carecen, non neste, senón na maioría dos temas dos que pretenden sacar sempre un rédito electoral", afirmou nun comunicado a rexedora marinense.
Tras recordar que o Concello de Marín "colaborou sempre coa Administración de Xustiza cando lle foi requirido", a alcaldesa insiste na súa recomendación de prudencia "ao falar de persoas traballadoras deste concello das que formalmente non temos constancia documental do grao das súas imputacións nin constancia formal tal e como parece que teñen os concelleiros do BNG".
"Os funcionarios teñen que traballar nos labores que teñen asignados segundo a súa titulación e exercicio da súa profesión e mentres non exista unha sentenza firme, prima sempre nun estado de dereito a presunción de inocencia que eles queren sempre embazar", di o documento difundido.
Dende a Alcaldía solicitan aos concelleiros do Bloque que "respecten as canles, que non se erixan en xuíces de temas que non coñecemos e que se dediquen ao seu labor de oposición, que é onde os situaron os veciños de Marín,". Para engadir a continuación que "calquera outra decisión non sería nin xusta nin adecuada neste momento, tendo en conta que as persoas teñen que exercitar o seu labor profesional e colaborar coa Xustiza para aclarar as situacións que se lles demanden".
María Ramallo considera que todo o demais sobra, e acusa a grupo municipal do BNG de "embazar a imaxe do concello, por suposto meterse coa Alcaldesa para non cesar no seu empeño e enturbar a vida municipal, que se non se fai como eles mandan, non se fai ben".
Finalmente, o comunicado conclúe "Recomendámoslles de novo prudencia, que os tempos haberá que xestionalos cando sexa taxativo facelo, que aínda que eles queiran as cousas non son como empezan senón como rematan, e que ante todo lles seguimos recomendando prudencia, sabemos que é difícil exercitar a contención, pero debían facelo, sobre todo porque tratar de mesturar temas que ao final non os benefician nin sequera a eles".
Relacionadas:
-
Esixen ao Concello de Marín que tome medidas preventivas cun funcionario imputado na Pokémon
Por Natalia Puga |
-
A investigación do caso Pokemon recolle máis documentación no Concello de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A xuíza da Pokemon reclama ao concello de Ponte Caldelas o contrato con Aquagest
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño |