No pleno de setembro aprobarase a axenda que fixará os proxectos de futuro do Concello
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Pontevedra agarda aprobar no vindeiro Pleno municipal do día 12 de setembro a Axenda Urbana que marcará os proxectos de futuro do Concello. Trátase dun documento estratéxico que servirá para optar tanto aos Next Generation como á vindeira convocatoria dos Fondos Feder (EDUSI).
Este mércores reuniuse a xunta de portavoces, e os grupos do BNG e do PSOE votaron a favor do documento, o PP abstívose e o concelleiro non adscrito votou en contra.
Anabel Gulías, portavoz do Goberno e responsable de Promoción da Cidade, explicou en rolda de prensa que este documento estratéxico é froito dun proceso participativo cos distintos colectivos da cidade e a cidadanía e que fixará o camiño de Pontevedra dos vindeiros anos guiado polo cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 20-30.
Destes traballos previos fíxose un marco estratéxico e uns plans de accións baseados en 10 ámbitos temáticos con 38 actuacións estratéxicas. Eses ámbitos son: Territorio, Modelo de cidade, Resiliencia - Cambio climático, Economía circular, Mobilidade, Inclusión social, Economía urbana, Vivenda, Innovación dixital e Gobernanza.
A intención da Secretaría de Estado para a Axenda Urbana é que os concellos que opten aos fondos o fagan con proxectos con coherencia e en base a un proxecto urbano global, e non con proxectos inconexos que desvirtúan a finalidade dos fondos europeos.
O Goberno Local asegura que acatará estas liñas de traballo cheguen ou non fondos europeos, que de ser o caso irá executando con fondos propios, polo tanto esta será a ferramenta de futuro de Pontevedra.
A Axenda Urbana "é unha continuidade evidente do que se ten feito neste mandato que estivo marcado pola pandemia", explicaba Anabel Gulías quen adiantou que o futuro pasa por avanzar no modelo de cidade "Máis verde, máis ecoloxía".
A modo de exemplo explicou que o documento recolle accións como: a recuperación dos corredores fluviais e creación de corredores ecolóxicos peonís, é dicir, unha rede de sendas fluviais, como a conexión do Pontillón do Castro seguindo os ríos Rons e Verducido, até a Xunqueira de Alba; determinar o futuro das concesións de Costas, dende a Xunqueira de Alba, os terreos da Pontesa en Ponte Sampaio ou as marismas de Lourizán (Ence); a recuperación do patrimonio etnográfico ambiental, especialmente, na Moureira e no río Gafos como a creación da Oficina PO2 no Muíño do Gafos (na rúa do Muíño) ou, xunto á Escola técnica superior de Arquitectura da Coruña, a creación da Cátedra do Espazo Público que será unha realidade no vindeiro ano. Suporá unha intervención nos Muíños da Moureira , no tramo final dos Gafos.
Outras accións incluidas na Axenda Urbana son a recuperación de espazos verdes na cidade: praza de Barcelos, Santa Clara, Mollavao ou a zona intermareal de Ponte Muíños; as colaboracións coas Mancomunidades de Montes a través dos Plans forestais e de axudas ás comunidades de montes para traballos e plantacións no monte; a recuperación do paseo do Lérez entre as pontes das Correntes e a dos Tirantes; a creación de comunidades enerxéticas potenciando o uso de fontes de enerxías renovables coa idea de facer un proxecto piloto para o Polígono do Campiño.
E, por suposto, a compostaxe, o coidado dos recursos hídricos, a mobilidade coa redución de tráfico entre Eduardo Pondal e a Ponte da Barca; actuacións en Mollavao e Rosalía de Castro, o transporte urbano e transporte a demanda e a conectividade peonil e ciclista da cidade con Praceres e o Gran Montecelo.
Anabel Gulías explicou que estes son algúns dos exemplos que recolle a Axenda Urbana, un documento estratéxico necesario para a solicitude de vindeiros fondos europeos, pero un documento "de cidade que non ten medo ao futuro". Tamén adiantou que se trata dunha estratexia viva, aberta e que volverá a ser participada a medida que se vaian plasmando os distintos proxectos e propostas.
Relacionadas:
-
O Concello de Pontevedra leva conseguidos a metade dos 20 millóns de euros solicitados aos Next Generation
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os pontevedreses "abrasan" a preguntas ao portavoz popular sobre o futuro urbano que contempla o goberno local
Por Redacción |
-
Pontevedra aproba a súa axenda urbana entre críticas do PP por ser "vaga y poco profunda"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores expón en Portugal os retos de futuro de Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha Axenda Xigante recollerá as achegas da rapazada sobre como mellorar o futuro da cidade
Por Redacción |
-
A cidadanía participará de xeito directo na elaboración da 'axenda urbana' cos retos do futuro da cidade
Por Natalia Puga |