O PP vaticina que algúns concellos van deixar de prestar os servizos públicos ante a crise económica xerada pola inflación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Partido Popular vaticina que algúns concellos van deixar de prestar os servizos públicos "básicos e esenciais" á cidadanía ante a crise económica xerada pola inflación.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o portavoz dos deputados provinciais do PP, Jorge Cubela, detallou que nos concellos hai un "aumento desproporcionado" do gasto corrente, "unha subida dun cento por cento no gasto enerxético", ademais "hai xa falta de liquidez para pagar aos provedores, para pagar as facturas".
Cubela apuntou que os concellos tamén están a ter dificultades para facer fronte ao mantemento ordinario da súa rede viaria ou ao gasto das depuradoras de augas residuais, mesmo o acendido da iluminación pública, o transporte dos residuos a Sogama ou a contratación de servizos que a administración local non presta de forma directa.
A todo isto engadiu que algúns concellos, como o de Vilaboa, tiveron que renunciar a subvencións polo incremento do custo das unidades de obra dos proxectos.
Por todo iso o grupo provincial do Partido Popular solicita á Deputación de Pontevedra "un plan extraordinario" para que os concellos poidan facer fronte á "grave situación económica", xa que "o inverno que se presenta que vai ser duro" cunha "situación complicada que se vai a prolongar no tempo".
Jorge Cubela lembra que "as deputacións deben asegurar a prestación integral dos servizos públicos de competencia municipal" polo que reclama máis axudas para os concellos ao entender que "o Plan Concellos é un bo instrumento pero recéitase como unha aspirina para todo e nestes momentos a situación económica dos concellos empeza a ser grave". "Xa veremos se moitos concellos non van ter que apagar ás dez da noite os farois da iluminación pública", sinalou.
O PP anuncia que quere facer unha "oposición útil" e por iso "tende a súa man" ao goberno provincial que preside Carmela Silva para colaborar "en todas aquelas decisións que sexan favorables e extraordinarias para apoiar aos concellos pequenos e medianos".
"Nestes momentos temos que deixar a ideoloxía e os partidos políticos de lado e sumar", dixo Cubela nunha mensaxe dirixida ao goberno PSOE-BNG da Deputación de Pontevedra.
Ademais os ‘populares’ esixen que se inicie a elaboración dos orzamentos da Deputación para 2023 cunhas contas que sexan "máis realistas que nunca" e tamén se ofrecen a participar na súa elaboración polo que piden ao goberno provincial que "xere un espazo de diálogo onde a oposición some e achega propostas".
Relacionadas:
-
Arranca a campaña de doazón de material escolar de Amigos de Galicia
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Que Núñez Feijóo goberne "canto antes" en España, o 'conxuro' do PP na carballeira de San Xusto
Por Alejandro Espiño |
-
A obra nova e a rehabilitación de vivenda crece un 25% en Pontevedra a pesar da escalada de prezos
Por Redacción |