Vinte e dous futuros médicos realizan o último curso no Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Redacción
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibía este luns 5 de setembro a 22 estudantes de sexto curso do grao de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, que inician o seu ano académico no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Ao longo desta semana, estes alumnos comezarán o seu plan de formación práctica, no que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Montecelo e Provincial, do centro de especialidades de Mollabao e do centro de saúde de A Parda.
Divididos en dous grupos, estes 22 estudantes de Medicina levarán a cabo rotacións, regradas e obrigatorias, por servizos coma Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía, Psiquiatría, Medicina Interna, Urxencias, Cirurxía Xeral e Medicina Familiar, entre outros, sempre baixo a supervisión dos seus respectivos titores coordinadores.
Así mesmo, estes alumnos tamén terán a oportunidade de achegarse a outros servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, xa sexan da área médica, cirúrxica ou médico-cirúrxica para, finalmente, ser avaliados ao remate do curso académico.
Este é o oitavo ano que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés impartirá de xeito completo o último curso do grao de Medicina, trala súa declaración coma hospital universitario a finais do ano 2012.
Grazas a este plan de formación, os estudantes benefícianse de poder realizar a totalidade do último curso de Medicina nun entorno sanitalario consolidado, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, a través dun completo programa rotatorio de prácticas, no que contarán de xeito continuado co apoio dun titor coordinador.
No que atinxe ao plan de formación, as liñas de traballo deste programa afondarán nas competencias máis específicas, afianzando os coñecementos globais previos, acadando un maior aproveitamento dos recursos do Servizo Galego de Saúde e a homoxeneización da docencia no eido sanitario.
Relacionadas:
-
Catorce estudantes de ciclo medio de Farmacia e Parafarmacia realizarán prácticas no Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Os centros sanitarios de Pontevedra dan a benvida a 28 médicos en prácticas
Por Redacción |
-
Unha trintena de alumnos de Medicina realizan as súas prácticas en Montecelo e o Provincial
Por Redacción |
-
30 estudantes realizan as prácticas do último curso nos hospitais públicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
O CHOP imparte por primeira vez o último curso de Medicina de maneira completa
Por Redacción |