Pontevedra contará con actividades de Nadal todos os días dende o 5 de decembro ao 6 de xaneiro
Por Redacción
Pontevedra contará cun amplo número de actividades dende o 5 de decembro ata o 6 de xaneiro coincidindo coas festas do Nadal. As concelleiras de Festas e de Cultura, Carme da Silva e Anxos Riveiro, presentaron a programación sinalando que máis de cincuenta grupos, moitos deles relacionados con Pontevedra.
Anxos Riveiro indicou que se van utilizar os diferentes espazos culturais da cidade e tamén se desenvolverán actividades nos centros culturais das parroquias e barrios. Neste sentido, destacou que un dos actos principais para estas festas se desenvolverá o venres 13 de decembro no Pazo da Cultura coa gala de entrega dos Premios Galegos da Música. Ademais, o auditorio do Pazo acollerá o Musical Manuel Quiroga e os concertos de Nadal e de Aninovo a cargo da Filharmónica Cidade de Pontevedra acompañada polo Ballet de Galicia.
Dentro do Recinto Feiral, a partir do 20 de decembro e ata o 4 de xaneiro, instalarase unha das citas clásicas das festas do Nadal coa pista de xeo de Nadal Ocio. No Pazo desenvolveranse dúas exposicións, a primeira centrada en "20 anos do camiño portugués" e a partir do 19 de decembro Rosalía de Castro será a protagonista de "Terra e papel", unha mostra que ofrece unha visión diferente sobre a escritora santiaguesa.
Ao longo de todo o mes tamén se realizarán diferentes concertos e actuacións teatrais no Teatro Principal e nos centros culturais das distintas parroquias.
En relación coas actividades ao aire libre, o 5 de decembro ás 18 horas acenderase a iluminación de Nadal na Praza da Ferrería coa actuación do Coro dos Institutos. A partir dese xoves haberá unha continuidade de actividades nas rúas con actuacións de Maravallada e Dos chichisos cos seus cantos de Nadal e Reis, danzas, festas e animacións infantís, ademais de visitas de Papá Noel.
O domingo 5 concluirán as actividades coa chegada e a cabalgata dos Reis Magos á cidade. A cabalgata desenvolverase como o ano pasado, a partir das 18 horas, con saída en Loureiro Crespo e final na Alameda.