Música e festa no campus para dar a benvida os novos estudantes universitarios
Por Redacción
Na busca da ansiada normalidade tras dous cursos convivindo coa pandemia. Así enfoca o campus de Pontevedra o novo período educativo que deu comezo este luns co acto de benvida ao estudantado que iniciará este mes a súa etapa universitaria.
O da Xunqueira foi o primeiro dos campus en recibir aos novos estudantes. A pesar da chuvia, foron moitos os que se achegaron ata a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para recibir información sobre os diferentes servizos que teñen ao seu dispor.
Ata Pontevedra desprazouse a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que destacou o positivo de comezar o curso "con total normalidade" e achegándose xa á presencialidade absoluta en case todos os seus graos e mestrados.
O curso 2022-2023 vén marcado, no caso de Pontevedra, pola posta en marcha do novo Máster en Exercicio Terapéutico que, con vinte prazas, impartirase en Fisioterapia.
Ademais, creouse a Facultade de Dirección e Xestión Pública, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.
Unha segunda facultade de nova creación, a de Deseño, pospoñerá o inicio do novo Grao en Deseño ata o curso seguinte, e a ela adscribirase tamén o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que actualmente se imparte en Belas Artes.
Nesta xornada de benvida, os estudantes de Pontevedra puideron obter información sobre bolsas e axudas, aloxamento, mobilidade, emprego, cultura, voluntariado ou atención á diversidade, ademais de coñecer de primeira man o que lles ofrecen os diferentes servizos universitarios.
O acto completouse coa música da Aula Permanente de Música Tradicional do campus e de La Duendeneta.
O obxectivo era, segundo a vicerreitora, que os novos estudantes se reuniran nun mesmo espazo "e que interactuasen entre eles", cunha actividade dirixida a "dinamizar os campus" e achegar o novo alumnado á dinámica da universidade.
Relacionadas:
-
Ciencias da Educación e do Deporte ampliarase cunha sala de neuromusculación
Por Alejandro Espiño |
-
A nova sede do Campus Crea en Benito Corbal inaugurarase "ben pronto"
Por Redacción |
-
Unha pantalla de madeira illará, a finais de 2023, o campus do ruído do tráfico da avenida de Compostela
Por Anxo Lourido |
-
A falta de acordo sobre as materias de lingua adia a modificación do Grao en Publicidade
Por Redacción |
-
Ratifican a creación das novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |