Filloas suculentas alborozan en Valongo
Por Redacción
Trinta persoas expertas na cociña e preto de 5.000 unidades de filloas foron as grandes protagonistas da cita gastronómica deste sábado 3 na parroquia de Valongo.
A Festa da Filloa volvía despois de dous anos de parón, debido á irrupción da pandemia, e fíxoo ao grande con numerosos comensais que desde as 18.30 horas achegáronse para degustar a suculenta sobremesa ao prezo de dez euros a ducia e cinco euros a media ducia.
Durante a tarde tamén se celebraron encontros musicais coa participación da banda Os Catro Ventos e a verbena a cargo de Millenium e América S.L. para finalizar con EME Music.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tamén acudiu á cita e atreveuse a elaborar o tradicional doce, asesorado polas cociñeiras, con ovos, leite e fariña.
Este domingo 4 de setembro, a festa continúa ás 12.00 horas coa entrega dos trofeos desta 44 edición do evento culinario para, a continuación, actuar a Banda de Gaitas Vos Coribantes e finalizar coa misa solemne e a procesión a partir das 13.15 horas.