As obras para liberar o río dos Gafos empezarán este ano
Por Redacción
As obras para 'liberar' o río dos Gafos comezarán este mesmo ano na súa desembocadura, no treito que discorre no contorno das rúas Rosalía de Castro e Tablada, tal e como anunciou o Concello de Pontevedra esta semana.
O concellerio de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, levará este luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o expediente de contratación deste proxecto de restauración.
A obra, que conta cun orzamento base de licitación de 586.084,15 euros, incluirá a demolición da actual pasarela peonil de 7 metros de ancho que une ámbalas rúas e a construción dunha nova, voadiza, lixeira, de menores dimensións e de trazado curvo, coa finalidade de osixenar todo o ámbito e recuperar a visión do río.
Unha vez completado o estudo de viabilidade, o Concello confirmou que os traballos localizaranse augas arriba do entronque do Gafos coa rúa Rosalía de Castro, ata a escalinata de acceso á ribeira, a uns 50 metros, actuando en ámbalas marxes do río.
Con este proxecto buscan xerar un novo ámbito de esparexemento cidadán en contacto coa ribeira, acadándose unha transición gradual do desnivel da rúa Tablada co río e substituíndo a actual pasarela adosada ao edificio que oculta o arco de pedra da ponte de Rosalía de Castro, e tódolos colectores que discorren polo bordo a ribeira.
Tal e como explica Iván Puentes, "trátase dunha intervención dunha dobre vertente: por unha banda, a compoñente hidráulica, que busca a eliminación de colectores en superficie e a súa renovación como elementos soterrados que non interfiran visualmente dentro da paisaxe de ribeira; e pola outra, a eliminación da pasarela de formigón prefabricado de 7 metros de ancho que actualmente cubre parte do río (adosada ao número 23 da rúa Rosalía de Castro)".
En resumo, o proxecto conta coa substitución dos colectores en superficie por uns soterrados; a realización dunha urbanización branda do contorno con novo mobiliario urbano e iluminación; a demolición da pasarela peonil que une as rúas Tablada e Rosalía de Castro; o saneamento e hixienización da zona inferior a este paso; a construción dunha pasarela peonil lixeira; a recuperación das marxes do río en todo o ámbito e a xeración dunha nova zona de estancia de alto valor engadido para uso e desfrute da cidadanía; a plantación de arborado e a instalación dun sistema de rega, e a consolidación, limpeza e iluminación da antiga ponte de pedra e do muro que o conforma baixo o voo da rúa Rosalía de Castro".
En base ao estudo de viabilidade redactado por AM2 Arquitectos baixo a dirección de Alexandre Mouriño, unha vez demolido o actual paso peonil e o piar da zona de servidume, proxéctase unha nova pasarela metálica para uso peonil e ciclista. "A demolición da pasarela -matiza Puentes- non afectará ao actual voadizo da rúa Rosalía de Castro, xa que a nova estrutura non apoia nel, polo que a única afección será a substitución da condución de abastecemento que atravesa a canle ('grapada' ao taboleiro da pasarela)".
O desnivel da marxe esquerda entre a rúa Tablada e a ribeira, de catro metros de altura, resolverase mediante bancais de espigón, cunha meseta de descanso intermedia, construíndose para o seu acceso escalinatas integradas que facilitarán o acceso á canle. Ademais, executarase unha nova escaleira que terá a dobre función de seguir dando servizo ao local comercial cuxa cota de acceso se sitúa por debaixo da da rúa Tablada e de conectar ese ámbito coa cota máis baixa para permitir o acceso das persoas á ribeira do río.
No proxecto non se contempla a instalación de pezas de mobiliario como bancos especificamente, quedando cuberta esta función polas bancadas realizadas en formigón.
A solución hidráulica adoptada cumprirá coa Normativa do Plan Hidrolóxico Galicia Costa e prevén a renovación e mellora de infraestruturas urbanas vencelladas á canle e que na actualidade xeran problemas de inundacións, reboses e ocupacións da ribeira, e a optimización da calidade das descargas da rede de augas pluviais e dos colectores de augas residuais.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible amosou a súa "tremenda satisfacción" ante "un chanzo fundamental para que poidamos ver de xeito inminente a primeira execución real de obra dese gran proxecto". "As actuacións da Tablada serán o primeiro paso, o aperitivo, do que será ese novo Gafos e estarán en sintonía co proxecto que saia do concurso de ideas".
Relacionadas:
-
Así atravesará o Gafos pola Rúa Tablada, o "aperitivo" para un río "aberto e integrado" na cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |
-
Augas de Galicia avala o proxecto para liberar o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Solicitan unha subvención de 2 millóns de euros para a apertura do treito urbano do Gafos
Por Redacción |
-
O PP apoia o proxecto para destapar o tramo urbano do río Gafos: é unha "grandísima idea"
Por Natalia Puga |
-
O Concello convocará un concurso internacional de ideas para "liberar" o tramo soterrado do río dos Gafos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |