A reforma do IES Valle-Inclán comezará en 2023 cun orzamento previsto de 4,7 millóns de euros
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
En 2021 proxectouse pola Consellería de Educación a reforma integral do IES Valle-Inclán cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Ano e medio máis tarde, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, visitaba este edificio histórico para anunciar o novo proxecto de rehabilitación cun investimento que se sitúa agora en 4,7 millóns de euros.
Durante este período realizáronse catas e analizáronse as necesidades deste inmoble que conta con 114 anos de historia, o máis antigo da provincia, co consecuente incremento do orzamento, tamén derivado da situación de crise económica internacional. Será o maior investimento da Xunta nun centro educativo en toda Galicia, asegurou o titular de Educación.
Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Luís López, e polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, entre outras autoridades, afirmaba que nas próximas semanas licitaranse estas obras co obxectivo de que se inicien no primeiro trimestre de 2023.
O prazo de execución dos traballos será de 16 meses e centrarase na rehabilitación enerxética, estrutural e funcional. Segundo indicou o conselleiro ao director do centro, Daniel Mejuto, estas melloras englobadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, provocarán un aforro de preto do 60% de enerxía primaria.
As obras acometeranse ao mesmo tempo que se desenvolven as clases, tentando executalas en horarios non lectivos, segundo explicou o conselleiro rexeitando a posibilidade dun traslado do alumnado que ascende a máis de 760 estudantes.
O centro conta con 8.300 metros construídos e 323 xanelas en catro pisos. Mellorarase o illamento das cubertas e o interior da fachada, renovarase o sistema de calefacción, auga quente e a iluminación en matería de melloras enerxéticas.
En canto á rehabilitación estrutural, está previsto reforzar os forxados, renovar a estrutura metálica do patio cuberto e incrementar a seguridade ante a posibilidade dun incendio. Por último, un dos traballos máis complexos centrarase na instalación dunha nova cuberta cunha forma similar á orixinal, que cos anos foi parcelada para dar luz á aula de debuxo. Tamén se limpará e tratará a fachada de pedra, ademais de renovar aseos e vestiarios no soto.
O conselleiro anunciou ademais a mellora dos acabados, portas interiores e contras das xanelas, ademais de renovar a cuberta do patio interior.
Román Rodríguez explicou que o instituto Valle-Inclán ofrece unha arquitectura ecléctica de finais do século XIX, con elementos de Art Nouveau. A súa construción iniciouse en 1908 e sufriu diferentes reparacións, remontándose a última de gran tamaño ao ano 1972.
Miguel Anxo Fernández Lores lembrou o seu paso como estudante polo centro, entre os anos 64 e 66, e sinalou que as obras eran necesarias agradecendo o investimento por parte da Consellería. Pola súa banda, o director Daniel Mejuto indicou que será necesario comprobar como se desenvolven as obras e a súa compatibilidade coa actividade educativa ao longo do curso.
INCREMENTO DE INVESTIMENTOS EN OBRAS E COLEXIOS
Román Rodríguez sinalou que este ano se investiron 64 millóns de euros en 357 proxectos arquitectónicos en colexios e institutos. O 35% das obras desenvólvense en centros do rural, nos que estuda o 20% do alumnado, o 34 en centros de vilas e o 31 en espazos educativos das cidades. O conselleiro afirmou que este investimento duplica a realizada en 2021.
O titular de Educación criticou a nova Lei de Educación (LOMLOE), por implementarse cun calendario absurdo creando un "caos" nos centros educativos, que se corrixía desde a Consellería para aplicar este curso en relación a sistemas de avaliación ou de promoción para evitar que un alumno poida aprobar con independencia das materias suspensas, apuntou Rodríguez, que se mostrou partidario de valorar a cultura do esforzo.
Tamén sinalou que as familias, debido á inflación, enfróntanse a un reto económico maior do habitual. Neste sentido, lembrou que a Xunta practicamente duplicou de 14 a 25 millóns de euros nas axudas para adquisición de libros.
En canto ao profesorado, para este inicio de curso, o número de mestres será similar ao do ano pasado. Indicou que este curso vai rexistrarse unha cifra de 7.000 alumnos menos en Infantil e Primaria en Galicia e nestes ámbitos, pola contra, haberá máis profesorado que o ano pasado.