Obradoiros artísticos a través do Laboratorio da Paisaxe para reflexionar sobre o territorio e a Galicia baleira
Por Redacción
O Concello de Barro está a desenvolver ao longo desta fin de semana diferentes actividades englobadas dentro do proxecto 'Laboratorio da Paisaxe. Escenarios para a vida'.
Nesta ocasión, o proxecto estivo organizado pola Asociación Cultura Tirante e dirixido e coordinado pola arquitecta Sheila García, que impartiu os seus coñecementos aos participantes, na súa maioría vencellados á arte e a arquitectura.
Trátase de obradoiros creativos relacionados coa fotografía, a pintura, a arquitectura e a arte contemporánea para reflexionar sobre o territorio e visibilizar as problemáticas da Galicia Baleira.
A inauguración do proxecto foi o venres cunha mostra de boas prácticas á hora de intervir nas construcións tradicionais que recolle unha escolma de proxectos realizados na comunidade galega nos últimos anos firmados por Creus e Carrasco, Arrokabe, Salgado e Liñares, PLP Atelier, Víctor López Cotelo, Buoestudio, OLA Estudio, GilPita-NietoPena, MOLarquitectura, Abalo Alonso arquitectos, MMASA, César Portela, Anaya Arquitectos, RVR Arquitectos, Liqe e EeG Arquitectos.
Todos estes proxectos poderanse ver na contorna do Centro Cívico de Barro ata o 4 de setembro.
Pola súa banda, o sábado realizáronse os obradoiros de fotografía, arte contemporánea e Land art da man de José Chas, Lois Cid e Monika Molenda, mentres que o domingo é o obradoiro de arquitectura dirixido por Sheila García e un obradoiro dirixido polo escultor Francisco Remiseiro.
Durante a vindeira semana, tamén na contorna exterior do Centro Cívico, a veciñanza poderá ver exposto o traballo realizado durante toda a fin de semana polos artistas plásticos, fotógrafos, arquitectos e docentes participantes nos obradoiros.