Cheo na Praza dos Barcos para dar boa conta de tres mil racións de sardiñas
Por Redacción
As festas de Sanxenxo tiveron este xoves un dos seus principais eventos, a sardiñada popular na Praza dos Barcos, na que se repartiron ata 3.000 racións de sardiñas.
O municipio quixo así render homenaxe aos miles de visitantes que ano tras ano elixen esta vila turística como destino para as súas vacacións.
As longas colas para a degustación formaron parte da tradicional estampa dunha praza ateigada de persoas que non se quixeron perder a cita.
Persoal municipal encargouse de asar e repartir os 500 quilos de sardiñas nunha cadea en perfecto funcionamento para despachar as racións con axilidade entre os asistentes.
Neste Día do Turista tamén abriu as súas portas a feira de produtos artesáns que, con postos de distinto tipo entre complementos e alimentación, rodearon a Praza dos Barcos converténdose nun atractivo máis no espazo de degustación.
A Banda de Música de Sanxenxo, os gaiteiros e os cabezudos, pola súa banda, volveron saír á rúa contribuíndo ao ambiente festivo por toda a contorna portuaria.
A programación para este xoves complétase, ás 19:00 horas, coa misa e a procesión con tirada de lumes en honra a San Xenxo cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán.
A partir das nove da noite celebrarase o concerto da Banda de Música de Sanxenxo na Praza Pascual Veiga e, a continuación, será a verbena coas orquestras Claxxon e Marbella na Praza do Mar, onde tamén volveron as atraccións e tómbolas.
Para mañá está prevista a actuación de Galifunk, ás 22:00 horas, na Praza dos Barcos, mientars que o sábado á mesma hora será a do grupo Cantigas e Agarimos.
Xa o domingo, ás 12:00 horas, celebrará a XXII Milla Urbana de Sanxenxo no Paseo de Silgar, proba que conta xa máis de 300 rexistrados. Pola noite, ás 21:30 horas, a Praza dos Barcos acollerá un concerto de María do Ceo.