Tres días de festa en Viascón na honra de San Antón e a Virxe de Lourdes
Por Redacción
Viascón vivirá unha fin de semana de festa rachada. Os días 26, 27 e 28 de agosto acumularanse os eventos lúdicos e relixiosos na parroquia coa celebración das festividades na honra de San Antón e da Virxe de Lourdes.
Os festexos foron presentados este mércores polo alcalde, Jorge Cubela, e os membros da comisión de festas, responsables da organización de toda a súa programación.
As celebracións arrancarán o venres 26 cunha verbena a cargo de Los Coleguitas e o trío 3.COM, que serán os encargados de abrir un amplo e variado programa festivo que terá os seus días fortes o sábado 27 e o domingo 28.
O sábado 27 comezará o día cun pasarrúas a cargo dos Trazantes de Tenorio. Ás 13:00 horas será a misa solemne de San Antón e, ao remate, será a procesión. Desde as seis da tarde haberá actividades infantís na carballeira da Portela, a cargo de Migallas Teatro.
O día rematará co concerto de Carlos Núñez en homenaxe a Ricardo Portela, no adro da igrexa; e, a partir das once da noite, coa verbena amenizada pola orquestra Costa Blanca e o trío Azar.
A xornada do domingo 28 de agosto estará centrada na misa cantada na honra da Virxe de Lourdes que comezará ás 13:00 horas. A continuación terá lugar a tradicional procesión acompañada pola Banda de Guerra da Brilat.
A partir das cinco da tarde haberá inchables, xogos infantís, obradoiros de maquillaxes e música para rematar cunha festa da escuma, se as reservas de auga o permiten.